Milleiros de persoas acudiron este domingo á segunda xornada da Festa do Queixo de Vilalba

TerraChaXa
Vilalba viviu a segunda sesión da Festa do Queixo cun éxito de público maior que o rexistrado na xornada do sábado.
festa do queixo vilalba2
8 Abr 2024

Vilalba viviu a segunda sesión da Festa do Queixo cun éxito de público maior que o rexistrado na xornada do sábado. Milleiros de persoas encheron as rúas da vila pra dar pulo a esta cita cun dos produtos estrela da comarca.

Despois do éxito da xornada do sábado, o domingo foron o presidente da Deputación, José Tomé, xunto ao candidato socialista á Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, os que visitaron esta feira acompañados da alcaldesa.

José Tomé percorreu os postos dos sete queixeiros do municipio que puxeron á venda na praza da Constitución 5 mil quilos deste afamado queixo afumado producido por 376 gandarías inscritas na Denominación de Orixe Protexida. A festa contou tamén con máis de medio centenar de postos procedentes de toda España que poñen á venda outros produtos de alimentación.

José Tomé asegurou que o modelo de desenvolvemento que representa a produción do Queixo San Simón da Costa e a propia feira que exalta este produto e promove a súa comercialización e consumo concorda coas políticas que promove a Deputación de Lugo, “onde estamos facendo unha clara aposta por apoiar a actividade do sector primario, tanto agrogandeira, como forestal e do mar, e por impulsar un turismo de calidade e sostible, que coida o patrimonio e deixa valor no territorio”.

Pola súa banda, Besteiro cualificou as queixerías como "un exemplo da transformación agroalimentaria de calidade, motor de emprego e capaces de fixar poboación no rural". Por iso, animounos a seguir formando a traballadores "para ter máis e mellores especialistas do queixo de San Simón, e afrontar grandes retos como a falta de relevo xeracional no campo ou o peche de explotacións".

O líder socialista destacou a capacidade destes elaboradores de "manter unha tradición que conseguiu converter un produto nado nunha pequena aldea lucense nun dos queixos máis premiados e recoñecibles do panorama internacional”. As 609.000 pezas vendidas en 2023 superaron os cinco millóns de euros de facturación.

0.172199010849