Miñones destaca o investimento na ETAP, na vivenda e no alumeado de Guitiriz

TerraChaXa
José Miñones exemplifica en Guitiriz as actuacións para mellorar a vivenda, o medio ambiente e a conectividade dixital do Concello
visita obras edar guitiriz
19 Jan 2022

Guitiriz é un dos nove concellos de Lugo beneficiados das axudas a rehabilitación de vivendas do Ministerio de Transportes e disporá de 120.000 euros para actuacións na ARI de Buriz e Os Vilares. O Plan Único-Banda Ancha levará a banda ancha de última xeración ata máis de 2.576 vivendas e empresas deste concello que carecían desta conexión.

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, remarcou hoxe en Guitiriz a vocación municipalista do Goberno de Pedro Sánchez, con actuacións e programas que inciden directamente na calidade de vida da cidadanía e con especial atención aos concellos máis pequenos. Así o fai en Guitiriz, onde, a través de distintos Ministerios, “traballa na mellora das condicións ambientais, na rehabilitación de vivendas e na dotación de servizos de acceso a internet de alta velocidade para cidadáns e empresas”, detallou.

José Miñones repasou estes investimentos no transcurso dunha visita institucional a Guitiriz, onde se reuniu coa alcaldesa, Marisol Morandeira, xunto coa subdelegada do Goberno na provincia de Lugo, Isabel Rodríguez. Alí, o delegado desprazouse ata as instalacións da Estación de Tratamento de Auga Potable de Gutiriz, onde supervisou as melloras de eficiencia enerxética que impulsa do Goberno Local coa financiación do Ministerio para a Transición Ecolóxica. A achega ascendeu a 261.920 euros para unha obra que permitirá que a ETAP sexa máis eficiente e sostible diminuíndo a factura de electricidade que paga a administración local.

Estas mesmas axudas do Ministerio para a Transición Ecolóxica para mellorar a eficiencia enerxética tamén permitiron ao Concello de Gutiriz acometer a renovación de parte do alumeado público municipal. Neste caso, o Goberno concedeu a Guitiriz preto de 270.000 euros para desenvolver dous proxectos de instalación de luces tipo LED e renovación de instalacións e cadros eléctricos. José Miñones destacou que “grazas a estas actuacións, xa finalizadas, o Concello de Guitiriz aforrará 45.000 euros anuais de factura da luz e rebaixará en 130 toneladas as emisións de CO2 á atmósfera”.

Rehabilitación de vivendas

Xunto á mellora ambiental, o Goberno tamén incluíu a Guitiriz como beneficiado das axudas para rehabilitación de vivendas nas ARI ou Áreas de Rehabilitación Integral. O delegado felicitou á alcaldesa pola inclusión de Guitiriz, por primeira vez, nos concellos beneficiarios desta última convocatoria do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021.

“O Ministerio de Transportes achegará 120.000 euros para actuacións na ARI das parroquias de Buriz e Os Vilares o que permtiriá abordar a rehabilitación de 15 vivendas”, explicou o delegado. En total, esta convocatoria deixa en nove concellos de Lugo 2,3 millóns de euros para rehabilitación de vivendas dos que o Goberno Central achega 1,85 millóns e a Xunta, 450.000 euros.

Programa ÚNICO-Banda Ancha

José Miñones tamén anunciou que Guitiriz se beneficia da primeira convocatoria do Programa ÚNICO-Banda Ancha do Ministerio de Asuntos Económicos e Avance Dixital para a extensión da banda ancha, “unha importante aposta do Goberno para que a conexión a internet de alta velocidade chegue de verdade a todo o territorio galego en igualdade”.

A convocatoria foi adxudicada a Telefónica, que deberá levar a banda ancha de última xeración ata 2.576 vivendas e empresas deste concello que ata agora carecían deste servizo. O delegado do Goberno engadiu que na provincia de Lugo o Plan Único mobilizará 16,3 millóns en proxectos con 10,2 millóns aportados polo Estado. As actuacións benefician a 64 concellos e 45.514 familias ou empresas.

0.16761708259583