Misión imposible

TerraChaXa
Por Katova Meter un equipo de rugby nun 600? Viaxar no tempo? Que a Igrexa Católica pague os seus impostos en España?.
9 Xul 2019

Por Katova

Meter un equipo de rugby nun 600? Viaxar no tempo? Que a Igrexa Católica pague os seus impostos en España?... Todas elas son misións imposibles, pero a nosa favorita na clasificación, a “number one” das misións imposibles, da que imos falar hoxe, é a repoboación do mundo rural na nosa comarca. Misión imposible, ao parecer, para as nosas administracións públicas, deporte de alto risco para quen estamos a procurar unha alternativa sustentable para vivir nas aldeas galegas.

E non é por falta de diñeiro. Non teño datos exactos (alguén os ten?) dos cuantiosos fondos desembolsados no últimos vinte anos no conxunto da Mariña Lucense, provenientes de Europa, do Estado, a Xunta ou a Deputación, pero si a experiencia suficiente no ámbito do desenvolvemento local para apuntar algo que resulta doutra banda obvio a calquera que analice con detalle a situación: en primeiro lugar, os investimentos son necesarias, pero non determinantes para fixar poboación. Como mostra, baste mencionar que na Mariña hai uns cuantos “elefantes brancos” en proceso de descomposición, baleiros ou directamente infrautilizados: centros de interpretación, museos, conxuntos etnográficos, espazos culturais, etc., rehabilitados ou construídos directamente con diñeiro público, pero que non son rendibles. Quedan moi bonitos nas fotos para a prensa, e de feito, algúns foron inaugurados varias veces (polo menos mediáticamente), pero non están xestionados con acerto e nunca se pensou no seu mantemento e sustentabilidade. En segundo lugar, a nosa clase política cre que o desenvolvemento é unha cuestión de crecemento económico e fia todo en gran medida ao ladrillo, sen considerar que a viabilidade do modelo depende tamén da sustentabilidade ambiental, e sobre todo, da sustentabilidade social: así, estamos a promover un modelo depredador dos nosos ecosistemas e non aproveitamos os recursos humanos de que dispoñemos, aqueles propios e tamén os chegados de fóra. Á vista está que a nosa mocidade emigra e que non atraemos a novos poboadores. E en terceiro lugar fáltanos inventiva e tamén, porqué non dicilo, algo máis de capacidade técnica para xerar unha visión dos municipios e da comarca no seu conxunto máis moderna e innovadora, sen que por iso perdamos a identidade. Isto implica cooperar e non competir, apoiar á diversificación e a complementariedade das iniciativas, e facilitar negocios nas nosas aldeas que aúnen tradición e modernidade, poñendo en valor os recursos locais. E está claro, hai que ter un bo plan. Ademáis, compre aprobar a materia de coordinación interinstitucional que levamos suspensa desde sempre. O que lles dicía: misión imposible.

E é que o problema non é tanto o diñeiro como as políticas públicas, que a todas vistas non están orientadas a promover a posta en valor do territorio como espazo para a vida. A crúa realidade é que o benestar da xente non é prioritario na axenda política, por moito que nos digan o contrario. Este é un mal xenérico no Estado, pero aféctanos directamente. Crear emprego sae carísimo e é moi arriscado para calquera. Un paso en falso implica o endebedamento durante longos anos. É difícil amortizar calquera negocio, incluso os máis modestos, por non abundar na profunda inxustiza que, corruptelas aparte, supón dar subvencións a quen xa dispón de fondos para o emprendemento, unha práctica corrente desde anos atrás. Conclusión: concentración dos recursos públicos nos petos de quen ben pode correr cos gastos do emprendemento ou que xa ten algún negocio, en lugar de utilizarse para apoiar ás persoas e familias que realmente os necesitan.

E ademáis, estamos afogados polas normativas, os impostos e as regulacións, algunhas totalmente absurdas. Todo iso nun contexto no que as responsabilidades están fragmentadas en múltiples organismos e no que as institucións cada vez afástanse máis da cidadanía, á que enredan en trámites burocráticos que esixen acrobacias, mesmo habilidades paranormales de manexo das novas tecnoloxías. Quen fai a lei fai a trampa, e se hai moitas leis, hai moitas trampas… Tácito, o historiador romano, xa o dicía: “Corruptissima re publica, plurimae  leges”, a república máis corrupta é a que ten máis leis.

E non falemos da vivenda…  Suma e segue. As nosas aldeas se desmoronan, e ninguén quere parar a deterioración, para o que obviamente fan falta políticas atrevidas que penalicen o seu abandono. Chegado o caso, é preferible expropialas antes de que colapsen, porque hai moitas familias que si necesitan un teito que o Estado debería garantir. E porque se nos está caendo fisicamente e demográficamente o país. Así de claro.

Señores gobernantes dos nosos pobos, dígolles o mesmo que Annibal Lecter a  Clarisse no Silencio dos Cordeiros: “primeiros principios, simplicidade”. Vostedes teñen cargos públicos outorgados por xente real con problemas reais, e teñen tamén moitos recursos de todo tipo, desde os legais aos económicos e patrimoniais á súa disposición. Fagan o seu traballo e esquezan da maquillaxe electoral, sexan creativos e propositivos, afronten con valentía os cambios necesarios, loiten de verdade por manter o mundo rural vivo. Ou apártense, fáganse ao carón e déixennos tentalo. Despois de todo, quizá viaxar no tempo non sexa unha misión imposible, e polo menos na Mariña, podamos dar un salto cara ao futuro, aínda que desde logo, tería que ser de proporcións intergalácticas.

0.1713559627533