Modesto Renda repetirá á fronte de Vilalba Aberta nas próximas eleccións

TerraChaXa
O actual voceiro de Vilalba Aberta no Concello, o edil Modesto Renda, competiralle a Alcaldía a PSOE e PP nas vindeiras Eleccións Municipais.
MODESTO RENDA VILALBA ABERTA
MODESTO RENDA VILALBA ABERTA
30 ene 2023

O actual voceiro de Vilalba Aberta no Concello, o edil Modesto Renda, competiralle a Alcaldía a PSOE e PP nas vindeiras Eleccións Municipais. Un anuncio, que representa a culminación dun proceso participativo no que calquera veciño/a puido inscribirse para elixir ou ser elixido candidato/a e ao que lle seguirá, este mércores día 1, o da publicación da lista completa da candidatura.

Varios meses de traballo – explican dende a formación - a fin de “sumar indo máis aló de partidos” e en base ao “innegociable dun procedemento de elección aberto onde a protagonista fora a veciñanza”, que remataba onte sábado coa celebración dun concorrido acto de votación que referendou a Renda coma Candidato.

PERFIL

Nacido hai 34 anos en Vilalba, a infancia de Renda transcorreu dacabalo entre a vivenda familiar da Rúa da Pravia e o veciño concello de Cospeito, onde residían os seus avós. Traballador na empresa privada, estudou Xeografía e Historia e o seu compromiso político comezou ao pouco de chegar á Universidade, onde se implicou activamente no movemento político xuvenil e estudantil.

Renda participa da asemblea de Vilalba Aberta dende a inaugural de marzo de 2015 e nas municipais dese mesmo ano foi, con 26 anos, o candidato máis novo á Alcaldía.

Oito anos nos que, da man do inxente traballo municipal, se erixiu como o azoute da xestión municipal de PP e PSOE, sendo especialmente relevante a súa pechada defensa dos intereses dos veciños/as das parroquias, dos autónomos e a súa aposta por medidas efectivas de conciliación para as familias traballadoras.

Así mesmo, o seu firme compromiso coa ampliación do polígono industrial “coma base dun futuro en Vilalba para a veciñanza traballadora, a mocidade e a pequena e mediana empresa” levouno a denunciar reiteradamente a parálise administrativa do goberno de Veleiro e a esixir, tamén, unha e outra vez que o Concello de Vilalba deixe de ser unha excepción en materia de contratación e organización do persoal municipal, coa aprobación dunha Relación de Postos de Traballo para consistorio.

A inseguridade xurídica dos veciños que queren edificar ou reformar as súas vivendas en base á ausencia dun PXOM; os recortes de servizos no centro de saúde; a súa proposta clara para o Centro de Día ou a súa firme defensa da limitación de salarios na clase política, son outros dos “cabalos de batalla” de Renda no Concello. 

UNHA NOVA MAIORÍA

Ao remate da asemblea, Renda recoñeceuse “desbordado e sen palabras” diante do “cariño e a confianza de todos veciños/as que participaron do proceso”, así coma do de “outros moitos/as que, a través das redes ou na rúa” o convenceron da necesidade de que volvera dar un paso adiante, a fin de “gañar o goberno de Vilalba para a xente.”

“Hai unha maioría de veciños/as que se senten defraudados polo PSOE pero que non están de acordo en que a solución sexa a volta do PP”, declarou. Así, instou aos presentes a demostrar que “fronte á resignación da volta do malo coñecido, sempre se abre paso a ilusión e a esperanza polo bo por coñecer”.   

A XENTE ANTES QUE OS PARTIDOS

“A candidatura que terei a honra de encabezar non é unha candidatura de partido, pois nace dunha invitación colectiva, aberta e cívica, a todos os vilalbeses/as a traballar xuntos”, explicou. “Porque se algo demostrou o fracaso do goberno do PSOE é que o importante non son os partidos, son as persoas, os valores e a capacidade de mellorar con pequenos pasos a vida dos vilalbeses/as.”

“Necesitamos un goberno que escoite en lugar de que impoña. Fai falta traballo, ideas claras e vontade de servir á xente, incluída a que non pensa coma ti. Con esas premisas é coas que aspiro chegar á Alcaldía, concluíu.