Moexmu e USC achegan posturas nunha reunión co novo vicerreitor

Na mañá deste venres tivo lugar no Pazo de Montenegro unha xuntanza de traballo entre o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Roberto Bande, e o coordinador da Moexmu, José Manuel Rus Rodríguez.
O encontro enmárcase na rolda de contactos que o novo equipo da Vicerreitoría está a manter con distintas entidades da provincia de Lugo co obxectivo de reforzar a relación da USC co territorio e impulsar novas sinerxías e vías de colaboración.
Durante a reunión, fíxoselle entrega ao vicerreitor do pin conmemorativo da Moexmu. Ademais, no marco do convenio de colaboración subscrito entre ambas entidades no ano 2010 e renovado o pasado mes de xuño de 2025, abordouse a posibilidade de intensificar a cooperación mediante o desenvolvemento de accións formativas, especialmente dirixidas ao sector primario, así como a participación conxunta en actividades de divulgación e transferencia de coñecemento.