Momán celebrará as súas festas patronais os días 21, 22 e 23 cun amplo programa festivo

A parroquia de Momán, no concello de Xermade, celebrará as súas festas na honra a San Bartolomé e San Mamed os días 21, 22 e 23 de agosto cun programa que combinará actos relixiosos, música, gastronomía e actividades para todos os públicos.
A programación arrancará o venres 21 cunha degustación gratuíta de liscos e chourizos ata fin de existencias, seguida dunha verbena amenizada pola discoteca móbil Conxuro.
O sábado 22 celebrarase a tradicional pasarrúas a cargo do grupo Toleaches pola Penieira. Ás 13.30 horas terá lugar a misa solemne, cantada polo coro da UNED Sénior de Momán, seguida da procesión e dunha sesión vermú co Dúo Estrellas. Pola noite, a verbena contará coa actuación do propio Dúo Estrellas e da formación Punto Clave.
As festas rematarán o domingo 23 coa misa solemne, tamén ás 13.30 horas e acompañada polo coro da UNED Sénior de Momán. A continuación haberá procesión e sesión vermú co Grupo Alaska. Pola noite, a verbena correrá a cargo da mesma formación e incluirá ademais a actuación en concerto de Zapato Veloz, coñecido por temas como Tractor Amarillo. Durante a xornada tamén haberá sesión de fogos de artificio e coches de choque.