Momentos

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Por Rebeca Maseda Sempre se di que a vida é unha sucesión de momentos máis ou menos aleatorios, que debemos vivila con intensidade, que nunca se sabe o que vai acontecer.
14 Xan 2023

Por Rebeca Maseda

Sempre se di que a vida é unha sucesión de momentos máis ou menos aleatorios, que debemos vivila con intensidade, que nunca se sabe o que vai acontecer. Abofé que esta serie de afirmacións é bastante acertada, por suposto, con matices. Por máis que nos esforcemos, hai moitos detalles do transcurso dunha vida que escapan ao noso control. É un feito innegable, gústenos ou non. O azar e o aleatorio son factores que debemos aprender a asumir con normalidade, incluso a aceptalos con certa ilusión. Non ter o control do mundo que nos rodea a cada momento pode resultar ata liberador. Seguro que en máis dunha ocasión escoitamos a expresión “déixate levar!”, e sexamos francos, como presta de vez en cando.

Tomar un café nunha terraza mentres lemos o xornal ou un libro que nos gusta, unha conversa entretida coa persoa sentada ao teu carón nos minutos previos ao comezo dunha función teatral, unha cea de Nadal con amigas e amigos que viven lonxe de ti, un paseo solitario no frío do inverno, recibir unha mala nova, unha tarde de sofá e manta na casa nun día tristeiro, botar unha semana con gripe, discutir con alguén por un tema importante ou non... Momentos que van compoñendo unha vida, como unha sinfonía cos seus movementos ou un libro cos seus capítulos. Non todo é transcendental ou épico, por fortuna claro.

En contraposición á idea de cotiandade da vida, están os momentos que cambian o devir da historia, momentos únicos e irrepetibles nos cales os seres humanos poden participar activa ou pasivamente.

Sobre este asunto é de obrigada mención a obra do escritor austríaco Stefan Zweig (1881 – 1942) que leva por título “Momentos estelares da humanidade”. Probablemente sexa o libro máis famoso do escritor e representa todo un fito na arte da miniatura histórica e literaria. Os acontecementos que reúne baixo este título tan atraente son moi variados: o ocaso do imperio de Oriente, no que a caída de Constantinopla a mans dos turcos en 1453 adquire o seu signo máis visible; o nacemento do “Mesías” de Händel en 1741; a derrota de Napoleón en 1815; o indulto de Dostoievski momentos antes da súa execución en 1849; a viaxe de Lenin cara a Rusia en 1917… «Cada un destes momentos estelares—escribe Stefan Zweig con acerto—marca un rumbo durante décadas e séculos», de maneira que podemos valoralos como puntos fundamentais de inflexión na historia e tamén lelos nestas catorce miniaturas históricas coa fascinación que sempre nos produce Zweig.

Poderíase dicir que a biografía do propio autor está chea de momentos “estelares”. Membro dunha acomodada familia xudía, inicia a súa carreira literaria traducindo a Charles Baudelaire e a Émile Verhaeren. Ante o estoupido da Primeira Guerra Mundial, Zweig declárase pacifista e estreita lazos de amizade con Romain Rolland. Uns anos despois instálase en Salzburgo e, tras fuxir de Austria en 1934 polo auxe do nazismo, refúxiase en Londres. Desgraciadamente o triunfo alcanzado polas forzas de Hitler en Europa pártelle o corazón e remata por suicidarse xunto coa súa muller durante unha viaxe a Brasil. Un triste final para un dos grandes xenios do século XX. Xa se sabe, intelixencia e fascismo nunca foron da man.

A historia da humanidade sempre oscilou entre momentos de barbarie e xenialidade nun equilibrio moi fino, como se dunha balanza irregular se tratase, a cal, nun intre, pode romperse e decidir o futuro en direccións moi incertas. Nuns días comezará un novo ano e traerá de todo, guerra e poesía, ben e mal. Que momentos estelares nos deparará o 2023? Non nos quedará outra que ilos descubrindo pasiño a pasiño.

0.20117902755737