Montserrat García reuniuse cos traballadores das auxiliares de Endesa

TerraChaXa
16 Oct 2020

Montserrat García Chavarría, portavoz axunta de enerxía na Comisión de Transición Xusta no Congreso dos Deputados, reuniuse esta mañá, cos representantes dos traballadores das empresas auxiliares da central térmica das Pontes, encontro no que tamén participaron a deputada autonómica Begoña Rodríguez e a concelleira de Industria das Pontes, Ana Pena.
García Chavarría amosou todo o seu apoio e solidariedade coas persoas afectadas e púxose á disposición dos representates das empresas auxiliares, para continuar traballando desde Madrid, tanto no propio Ministerio como no Instituto de Transición, para poñer de manifiesto todas as cuestións e problemáticas que atinguen directamente ás empresas auxiliares
“Fagoo co convencemento de que desde o Ministerio se lles ten en conta e xa se están poñendo en marcha numerosos mecanismos para que teñan prioridade absoluta nas contratacións, en todos aqueles proxectos que se instalen nas Pontes así como calquera posibilidade que poidan xurdir no mercado laboral", apuntou a García Chavarría.
Así lembrou que xa está habilitado o rexistro de traballadores e traballadoras das empresas auxiliares, creado polo Ministerio, para “acompañalos, a través dunha bolsa de emprego para facilitar o seu mantemento e reinserción no mercado laboral mediante oportunidades que xurdan en novas iniciativas empresariais, sendo coñecedores de que hai persoas afectadas que superan os 50 anos e é preciso ter unha especial consideración para con eles para que poidan continuar no mercado laboral” delcarou García Chavarría.
Por outra banda, a deputada insistiu en que tamén traballará en Madrid para que, “no caso de que as probas que se están realizando con biocombustible dean un resultado de viabilidade, impedir que a empresa non aposte por esta opción e queira acometer o desmantelamento da térmica igualmente. Se a planta é viable co uso de combustibles alternativos hai que loitar para que continúe coa súa actividade”
Por último, García Chavarría fixo fincápé en que “é o momento de arrimar o ombreiro e buscar solucións entre todos, dada conta de que a Xunta de Galicia ten as competencias absolutas en industria”
Encontro con UGT
Montserrat García Chavarría reuniuse, a continuación, con Marcos Prieto, responsable estatal de Política Industrial de UGT Endesa, e co Secretario Xeral Fica UGT Endesa, Luis Fraga, para coñecer máis polo miúdo as probas con biocombustibles que está realizando Endesa en As Pontes así como para abordar as problemáticas doutros territorios.
Durante este encontro, Marcos Prieto, apuntou que “ a solución das empresas auxiliares, da empresa principal, dos transportistas, da comarca e incluso da Comunidade Autónoma e de España, pasa pola continuidade da central térmica pontesa. Hai uha viabilidade técnica, económica e ambiental clara, demostrada cunha substitución do 50% de carbón por biocombustible e que apunta a posiblidade de substituir o 100% do carbón por biocombustibles xerando un beneficio medioambiental, fixando emprego e poboación e dándolle unha nova vida a central térmica”
Neste sentido, Luis Fraga, remarcou que “o proxecto que se está poñendo en marcha na central térmica das Pontes é o paradigma da economía circular e é un referente mundial no ámbito medioambiental. Garantes a viabilidade das explotacións gandeiras, evitando que teñan que asumir os custes da xestión dos excesos de lodos primarios así como das EDARES das cidades e das industrias, garantes a estabilidade para o sector do transportes, apostas pola valoración dos refugallos, contribuíndo, ao mesmo tempo, ao mantemento do emprego e a fixación de poboación no rural”.

0.16378092765808