Mourence celebra este sábado unha xornada de Samaín cun concurso de tapas infantís

TerraChaXa
A Casa-Escola acolleráun programa que comezará ás 17.00 horas cun curso e degustación de cogomelos silvestres e continuará con actividades para os máis pequenos
xornada-samain-mourence
23 Oct 2026

A Asociación de Veciños de Mourence organiza este sábado, 24 de outubro, unha tarde de actividades na Casa-Escola da localidade, cunha programación que combinará gastronomía, decoración e propostas infantís arredor da celebración do Samaín.

A xornada comezará ás 17.00 horas cun curso e posterior degustación de setas silvestres das terras de Mourence. Media hora máis tarde, ás 17.30 horas, os asistentes poderán participar na decoración de Samaín na propia Casa-Escola, nunha actividade pensada para ambientar o espazo con motivos propios desta celebración.

A partir das 18.00 horas terá lugar o primeiro Concurso de Tapas Infantís de Samaín, unha proposta dirixida aos nenos e nenas que queiran demostrar a súa creatividade na cociña. Os participantes deberán levar da casa os ingredientes e utensilios necesarios para elaborar e presentar unha tapa de temática terrorífica durante unha hora, ata as 19.00 horas.

As creacións serán valoradas por un xurado composto por tres persoas, que terá en conta tanto o sabor como a creatividade e a presentación das tapas. Ao remate, darase a coñecer a persoa gañadora da proposta máis arrepiante e saborosa.

A organización anima a participar nesta iniciativa, que busca fomentar a imaxinación dos máis pequenos e ofrecer unha tarde de convivencia veciñal con actividades para diferentes idades.

0.16384816169739