Movemento pola paz ofrecerá asesoramento xurídico en materia de estranxería en Vilalba

TerraChaXa
Unha avogada da asociación desprazarase a Vilalba o segundo martes de cada mes para atender as persoas derivadas desdeos servizos sociais municipais
regularizacion-extraordinaria-estranxeria
8 Oct 2026

O Concello de Vilalba asina un convenio de colaboración con Movemento pola Paz, asociación sen ánimo de lucro, para facilitar ás persoas que o precisen o acceso a asesoramento xurídico especializado en materia de estranxeiría.

A través deste acordo, unha avogada da asociación desprazarase a Vilalba o segundo martes de cada mes para prestar atención ás persoas que sexan derivadas polo persoal de Servizos Sociais do Concello.

A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, sinala que “desde o Concello queremos facilitar que as persoas que necesitan asesoramento en materia de estranxeiría poidan acceder a unha atención especializada sen ter que desprazarse fóra de Vilalba. Esta colaboración con Movemento pola Paz permítenos achegar ese recurso ao municipio e poñelo á disposición das persoas que o precisen.”

A atención realizarase mediante derivación desde Servizos Sociais, que serán os encargados de orientar cara a este servizo as persoas usuarias que poidan precisar asesoramento xurídico nesta materia.
Neste sentido, a alcaldesa destaca tamén o papel dos Servizos Sociais como porta de entrada a este tipo de recursos, “é importante que os recursos estean conectados e que as persoas poidan atopar acompañamento desde os propios Servizos Sociais. Contar con asesoramento xurídico especializado permitirá dar unha resposta máis completa ás situacións que se presenten.”

Como primeira actividade vinculada a esta colaboración, o próximo martes 13 de outubro, ás 10:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar unha charla informativa sobre a regularización extraordinaria, baixo o título Que sucede despois da concesión?

A sesión será impartida pola avogada de Movemento pola Paz e estará centrada en ofrecer información sobre os pasos posteriores á concesión da regularización extraordinaria.

“Consideramos especialmente interesante comezar esta colaboración cunha charla sobre a regularización extraordinaria, porque unha vez concedida poden xurdir moitas dúbidas sobre os seguintes pasos. Ter información clara e poder resolver esas cuestións desde unha perspectiva xurídica é moi importante”, explica Marta Rouco.

A sesión terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba e permitirá achegar información sobre o que sucede despois da concesión da regularización e sobre as cuestións que poden xurdir a partir dese momento.
A alcaldesa salienta que o novo servizo pretende ser, en definitiva, un recurso próximo e accesible, “o obxectivo é achegar recursos ás persoas e facilitar o acceso á información. Que unha avogada poida atender periodicamente en Vilalba permite contar cunha orientación especializada aquí mesmo e reforza o traballo que se realiza desde Servizos Sociais.”

0.1555061340332