Muimenta acollerá unha nova edición do curso e a escola de verán sobre xogos tradicionais

A localidade de Muimenta, en Cospeito, prepárase para acoller os vindeiros días 8, 9 e 10 de maio o VII Curso de Formación sobre o Patrimonio Lúdico e a II Escola de Verán de Xogos Tradicionais Iberia Ludens.
Baixo o lema Xogo, sustentabilidade e inclusión, estas xornadas pretenden afondar no valor dos xogos de sempre como ferramentas de cohesión social e respecto ambiental.
O programa deseñado para esta edición é amplo e variado, ofrecendo aos participantes conferencias, relatorios, mesas redondas e a presentación de comunicacións, que se complementarán coa práctica directa de xogos tradicionais, visitas guiadas a museos e actuacións musicais.
As persoas interesadas en asistir teñen de prazo ata o xoves 30 de abril para formalizar a súa inscrición a través do formulario en liña, mentres que aqueles que desexen presentar comunicacións deberán envialas antes do luns 20 de abril.