Muimenta acollerá unha xornada gratuíta sobre as novas obrigas da PAC e innovación tecnolóxica no sector agrario

O Sindicato Labrego Galego organizará o vindeiro venres 29 de maio unha xornada formativa gratuíta en Muimenta, no municipio de Cospeito, centrada nas novas obrigas da Política Agraria Común (PAC), o relevo xeracional e as innovacións tecnolóxicas aplicadas ao sector gandeiro.
A actividade desenvolverase entre as 11.00 e as 15.00 horas no Asador O Cabuxo e incluirá tamén un xantar para as persoas asistentes. A iniciativa está dirixida especialmente a profesionais do sector agrario interesados en coñecer os cambios normativos que entrarán en vigor a partir do mes de xuño e as novas ferramentas tecnolóxicas adaptadas ao manexo do gando.
Durante a sesión abordaranse cuestións relacionadas coa monitorización de animais, o uso de colares intelixentes, sistemas GPS e valados virtuais, ademais doutras solucións dixitais aplicadas ás explotacións agrogandeiras. A organización destaca a importancia de manter o sector actualizado ante os novos retos tecnolóxicos e administrativos.
A xornada contará coa participación dunha persoa técnica do Sindicato Labrego Galego e tamén de representantes da empresa Innogando, especializada en tecnoloxía para o manexo de animais.
O encontro servirá ademais para analizar medidas vinculadas ao relevo xeracional no campo, facendo especial fincapé na incorporación de persoas mozas e mulleres á actividade agraria.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través do teléfono 664 586 689 ou do correo electrónico meira@sindicatolabrego.gal.
A actividade está financiada integramente pola Unión Europea e polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.