Muimenta celebra as súas festas patronais cun concurso de tortillas, música en directo e deporte

TerraChaXa
As celebracións concluirán o domingo 5 de xullo cunha nova misa ás 13.00 horas, seguida da tradicional bendición de vehículos e da procesión
concurso-tortillas-festas-muimenta-portada
30 Jun 2026

A parroquia de Muimenta, no concello de Cospeito, xa ten todo preparado para celebrar as súas festas na honra a San Cristovo e Santa Mariña, que se desenvolverán entre os días 2 e 5 de xullo cun amplo programa de actividades para todos os públicos que combinará gastronomía, música, tradición relixiosa e deporte.

Os festexos arrancarán o xoves 2 de xullo coa celebración dun gran concurso de tortillas na Praza Maior. A recepción e degustación das elaboracións terá lugar ás 21.00 horas e entregaranse premios ás cinco mellores clasificadas, valorándose aspectos como o sabor, a orixinalidade e a presentación. A xornada completarase cunha sesión musical a cargo da discoteca móbil Eventec e Cosmedeejay.

O venres 3 de xullo a verbena será a principal protagonista da programación. O público poderá gozar dunha noite de festa amenizada por Tania Veiras e Los Cumbiapop, ademais da actuación do grupo Kubo, unha das formacións destacadas do cartel deste ano.

O sábado 4 de xullo estará marcado pola celebración dos actos relixiosos e a música. A misa solemne e a procesión celebraranse ás 13.00 horas, seguidas dunha sesión vermú con Fuego. Pola noite, a verbena correrá a cargo das orquestras Fuego e Fénix. Ademais, desde as 16.00 horas, o parque infantil acollerá o I Torneo 3x3 Basket, unha iniciativa deportiva que busca implicar á mocidade na programación festiva.

As celebracións concluirán o domingo 5 de xullo cunha nova misa ás 13.00 horas, seguida da tradicional bendición de vehículos e da procesión. A continuación terá lugar unha sesión de pasarrúas amenizada por Asubíos da Chaira. A música volverá ser protagonista pola tarde e pola noite coa actuación do grupo Jaque, que poñerá o broche final ás festas.

Desde a organización agardan unha elevada participación veciñal e de visitantes durante os catro días de celebración, consolidando unha cita festiva que cada ano reúne centos de persoas arredor da tradición, a convivencia e o lecer en Muimenta.

0.12745308876038