Muimenta e Lourenzá serán sede dun curso de formación sobre xogos tradicionais

Muimenta e Lourenzá acollerán do 8 ao 10 de maio a sétima edición do Curso de Formación sobre Patrimonio Lúdico, organizado polo Observatorio do Patrimonio Lúdico Galego, Nova Escola Galega, Xotramu, O Recuncho das Argalladas de Lourenzá e Iberia Ludens.
Relatorios, mesas redondas, práctica de xogos tradicionais e visitas a museos da contorna conforman o programa destas xornadas, convocadas baixo o lema Xogo, sustentabilidade e inclusión, que incide na necesidade de dar un paso máis na posta en valor dos xogos de sempre ofrecendo respostas ás necesidades da sociedade actual.
O curso, que se presentou este mediodía no Pazo de San Marcos coa presenza de membros dos colectivos organizadores, da deputada de Cultura Iria Castro, da concelleira de Cultura de Lugo Maite Ferreiro e do alcalde de Cospeito Armando Castosa, encádrase nas actividades de recuperación, divulgación e formación que o Observatorio e as entidades que o integran, así como persoas investigadoras a título particular, desenvolven desde hai máis dunha década arredor do patrimonio lúdico galego, un dos máis ricos da Pesínsula Ibérica.
A organización formula como obxectivos do encontro analizar o xogo tradicional como manifestación cultural, poñer en común a función do xogo tradicional na educación e as estratexias de introdución do patrimonio lúdico galego no ámbito educativo, deportivo e cultural ou investigar estratexias de recuperación do patrimonio lúdico desde a perspectiva das necesarias respostas aos retos de sustentabilidade e inclusión.
As xornadas inclúen tamén diversos obradoiros nos que practicar unha importante batería de xogos e deportes de diferente tipoloxía e descubrir as posibilidades da autoconstrución de xoguetes a partir de materiais naturais e de refugallo.
As actividades concluirán cunha visita a Lourenzá, onde as persoas participantes visitarán o Museo do xoguete tradicional O recuncho das argalladas e a exposición Don Paco, o pícaro argalleiro, concibida polo ano dedicado a Francisco Fernández del Riego. O interese do intelectual laurentino pola cultura lúdica galega centrará a conferencia de clausura das xornadas que ofrecerá Xosé Manuel Beiras, amigo persoal de Del Riego.
Noelia Darriba, de Xotramu, sinalou que “cremos que é un curso moi interesante para as persoas que queiran aproximarse e coñecer máis sobre o patrimonio inmaterial que son os xogos tradicionais, con conferencias, relatorios, mesas redondas, sesións prácticas e un espazo para presentar comunicacións para aquelas persoas que queiran contribuír cos seus coñecementos”
A deputada Iria Castro valorou “o traballo que se fai desde o ámbito asociativo para recompilar e poñer en valor o patrimonio lúdico, con Muimenta como lugar de referencia, grazas a unha entidade pioneira como Xotramu” e destacou o interese que sempre nos transmiten “de chegar ás novas xeracións e proxectar os xogos tradicionais como un legado para o presente e para o futuro”.
A responsable de Cultura lembrou as últimas iniciativas impulsadas desde a Vicepresidencia da Deputación en relación co xogo tradicional, como a edición dos libros Xogos tradicionais galegos para tempos de recollida e Xogos tradicionais e populares dos Ancares.
As inscricións poden realizarse ata o 30 de abril nun formulario en liña dispoñible na web xogostradicionais.gal.