Multitudinario acto pola recuperación de Caldaloba

TerraChaXa
Coa lenda Recuperarmos o noso patrimonio. Recuperarmos a nosa historia, dezanove entidades xuntaronse en Caldaloba
caldaloba manifestacion
caldaloba manifestacion
23 Maio 2021

Coa lenda Recuperarmos o noso patrimonio. Recuperarmos a nosa historia, dezanove entidades da Terra Chá e concellos limítrofes esixiron nun acto celebrado diante da Torre de Caldaloba para demandar a recuperación da fortaleza, testemuño da resistencia da nobreza galega fronte aos Reis Católicos no final da Idade Media.

Os participantes reiteraron a implicación da Xunta de Galicia na recuperación da fortaleza, cunha actuación inmediata que consolide a súa estructura e un proxecto de rehabilitación e posta en valor do edificio e da contorna. Así como, que a Torre de Caldaloba e os terreos da contorna sexan propiedade das galegas e dos galegos.

O evento, convocado por dezanove entidades culturais da Terra Chá e concellos limítrofes, entre elas, a Fundación Manuel María, Xermolos, Xotramu, IESCHA, Madia Leva, Nova Poesía Guitirica ou AC Poeta Avelino Díaz, contou coas intervencións do divulgador cultural Orlando Viveiro e do profesor da Universidade de Uvieu e estudoso da Caldaloba, Antón Meilán, que incidiron no valor histórico, patrimonial e simbólico da fortaleza, escenario da resistencia de Constanza de Castro, filla do Mariscal Pardo de Cela, e do seu marido Fernán Ares de Saavedra, ao asedio do poder castelán en 1484.

As entidades (Castiñeiro Milenario (Begonte); Xotramu (Muimenta); Asociación Cultural Xermolos (Guitiriz); Fundación Manuel María de Estudos Galegos; Instituto de Estudios Chairegos (Iescha) (Vilalba); Asociación de Amigos do Castro de Viladonga; Clube Cultural Valle-Inclán (Lugo); Centro Social Madia Leva (Lugo); AC Cultura do País (Lugo); Asociación veciñal de Cabreiros (Xermade) AC Os Vilares. Lareira de Soños (Os Vilares, Guitiriz); Irmandade Manuel María da Terra Chá; Nova Poesía Guitirica (Guitiriz); AC Poeta Avelino Díaz (Meira); AC Lugo Patrimonio (Lugo); Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde; AC PolKA (Pol); AC e CS A Chave das Noces (Montecubeiro-Castroverde); e AC Chimchiribote (Pol) veñen de emitir o pasado 7 de maio un comunicado en que ante o estado de abandono absoluto en que se encontra esta edificación, que ten a consideración de BIC desde 1985, exixen das administracións recuperar o castelo de Caldaloba do proceso de deterioro e ruína e garantir a súa conservación co obxectivo da súa posta en valor para descubrir e afondar no coñecemento histórico e no patrimonio colectivo do pobo galego.

caldaloba manifestacion 2
0.19118595123291