Muras acolle unha xuntanza para mulleres coidadoras do rural organizada pola Xunta, o Concello e Afalu Alzheimer

O Concello de Muras acollerá este venres, 5 de xuño, unha xuntanza dirixida a mulleres coidadoras e excoidadoras do medio rural baixo o lema “Mulleres que coidan, tamén se coidan”. A actividade celebrarase ás 16.00 horas na Casa do Médico e está promovida pola Consellería de Política Social, o Concello de Muras e a asociación Afalu Alzheimer.
A iniciativa nace coa finalidade de ofrecer un espazo de encontro, apoio e benestar para as mulleres que desempeñan ou desempeñaron tarefas de coidado, unha labor fundamental no rural e que moitas veces se desenvolve en condicións de gran esforzo persoal e emocional.
Durante a xornada, as participantes terán a oportunidade de coñecerse, compartir experiencias, aprender novas ferramentas e dedicarse un tempo para o autocuidado. A organización destaca que será unha tarde pensada para fomentar as relacións entre mulleres, fortalecer redes de apoio mutuo e promover hábitos que contribúan ao benestar físico e emocional.
Baixo a mensaxe de que quen coida tamén precisa ser coidada, o encontro busca axudar ás asistentes a desenvolver novas capacidades, conectar con outras mulleres da contorna e reflexionar sobre a importancia de reservar espazos propios para o coidado persoal.
Desde o Concello de Muras fan un chamamento á participación das veciñas para sumarse a esta actividade, que pretende poñer en valor o papel das mulleres coidadoras e ofrecerlles recursos e apoio nun ambiente de convivencia e colaboración.