Muras acollerá a IV edición do Festival Microcine de Verán o vindeiro mércores

O Concello de Muras celebrará o próximo 22 de xullo a cuarta edición do Festival Microcine de Verán, unha iniciativa cultural que terá lugar na Área Recreativa A Veiga e que dará comezo ás 21:45 horas.
A programación desta edición incluirá a proxección dunha selección de curtametraxes da comunidade cultural Cultura Inquieta, recoñecida por reunir propostas audiovisuais innovadoras e sorprendentes. O obxectivo do evento é achegar o cinema ao aire libre á veciñanza e ofrecer unha alternativa de lecer cultural durante a tempada estival.
O festival está impulsado pola plataforma Vente a Vivir a un Pueblo, un proxecto que promove o asentamento de poboación no medio rural e fomenta novas oportunidades de vida fóra das grandes cidades. A iniciativa conta ademais coa colaboración de Iberdrola, entidade coa que participa o Concello de Muras.
Con esta nova edición, Muras reafirma a súa aposta por dinamizar a vida cultural do municipio e por ofrecer actividades abertas a todos os públicos nun contorno natural privilexiado.