Muras acollerá unha xornada informativa sobre innovación no rural con foco no pastoreo extensivo e os valados virtuais

O Concello de Muras celebrará este xoves, 11 de xuño, unha xornada informativa centrada nas axudas á innovación e nas novas ferramentas tecnolóxicas aplicadas ao sector rural. A actividade enmárcase dentro da estratexia Marca-Muras e desenvolverase na Casa do Médico, situada no número 5 da localidade.
A programación arrancará ás 17.00 horas cun acto de presentación no que participarán o alcalde de Muras, Manuel Requeijo, e o deputado da Área de Rural da Deputación de Lugo, Daniel García.
Media hora máis tarde terá lugar unha charla sobre as axudas ao pastoreo extensivo baixo o lema “O que non arde”, que será impartida por Carlos Rodríguez, enxeñeiro agrónomo e técnico da Deputación de Lugo. Durante a súa intervención abordaranse as oportunidades de apoio ao sector gandeiro e o papel do pastoreo na prevención dos incendios forestais.
Ás 18.30 horas será a quenda dunha presentación dedicada aos valados virtuais, unha tecnoloxía innovadora para a xestión do gando que será exposta pola empresa Innogando, especializada en solucións dixitais para o ámbito agropecuario.
A xornada concluirá ás 19.30 horas coa clausura a cargo do alcalde de Muras, Manuel Requeijo. Posteriormente, ás 20.00 horas, celebrarase un encontro informal entre asistentes cun pincho e unha conversa para favorecer o intercambio de experiencias e coñecementos entre profesionais, gandeiros e persoas interesadas no desenvolvemento rural.
A iniciativa está organizada polo Concello de Muras e conta coa colaboración da Deputación de Lugo, Rural Hub e Innogando, ademais do apoio de XuvenLab. O obxectivo é achegar ao territorio información sobre innovación, novas tecnoloxías e recursos que contribúan a mellorar a competitividade e a sustentabilidade das explotacións rurais.