Muras celebrará as súas festas patronais desde o venres

O Concello de Muras celebrará os días esta fin de semana as grandes festas na honra a San Pedro e á Virxe da Caridade do Cobre cun amplo programa de actos relixiosos, gastronómicos e musicais dirixidos a todos os públicos.
As celebracións comezarán o venres 26 de xuño cunha gran paellada gratuíta a partir das 21.00 horas, ata fin de existencias. Pola noite terá lugar unha gran verbena amenizada pola orquestra Alianza.
O sábado celebrarase ás 13.00 horas a misa solemne e a procesión. A continuación desenvolverase a sesión vermú coa actuación da orquestra Suavecito. Xa pola noite, desde as 22.30 horas, os asistentes poderán desfrutar dunha gran verbena coa participación das orquestras Suavecito e Los Satélites.
A programación rematará o domingo cunha misa solemne e procesión ás 13.00 horas. Ao finalizar os actos relixiosos celebrarase unha sesión vermú longa amenizada polo grupo JB Son.
As festas están organizadas polo Concello de Muras, que convida á veciñanza e aos visitantes a participar nunha fin de semana marcada pola tradición, a música e a convivencia.