Muras celebrará o 17 de novembro a novena edición da Feira do Mel de Montaña

TerraChaXa
Nesta edición entregaranse tres galardóns no cata que terá lugar o sábado
feira-do-mel-muras-3
1 Nov 2024

O concello de Muras acollerá o vindeiro 17 de novembro unha nova edición da Feira do Mel, a que será novena. Para esta ocasión, o Concello deseña o seu programa de actos que se presentará en breve.

O que si xa abriu foi o prazo de inscrición para a VIII Cata de Mel, un evento que destaca a calidade dos meles da zona e fomenta a tradición apícola local. A cata está aberta a apicultores con explotacións no concello de Muras, e establece un límite de 15 mostras, que serán admitidas por orde de entrega na Casa do Mel de Goente-As Pontes.

A Casa do Mel será a encargada de etiquetar cada bote cun número, que será vinculado a un sobre pechado cos datos do produtor. Estes sobres permanecerán gardados ata o anuncio do mel gañador, asegurando así a imparcialidade do proceso.

Nesta edición, entregaranse tres galardóns: dous para os mellores meles de montaña e un terceiro para o mellor mel monofloral de breixo, que deberá contar cun mínimo do 45 % de pole de breixo para ser considerado nesta categoría.

A Casa do Mel levará a cabo análises detalladas das mostras, avaliando factores como cor, humidade, conductividade, HMF e predominancia de pole. Ademais, valorarase a limpeza e o proceso de decantación dos meles presentados.

A cata contará cun presidente ou presidenta e un secretario ou secretaria, que dirixirán o proceso de avaliación. Os e as catadoras puntuarán cada mostra cunha nota de 0 a 5, empregando unha ficha específica proporcionada pola Casa do Mel.

A participación no concurso implica a aceptación das bases e a decisión final do xurado, nunha aposta por recoñecer e celebrar a excelencia do mel de Muras.

cartel-feira-mel-muras
0.17049598693848