Muras convoca as carreiras de andadura e o concurso de gando da XXXVIII Feira do Poldro

TerraChaXa
O prazo de inscrición xa está aberto e remata o 21 de setembro no primeiro caso e o 22 no segundo
feira-do-poldro-de-muras-premios
14 Sep 2026

O Concello de Muras xa publicou as bases reguladoras das Carreiras de Andadura da Feira do Poldro e Gando do Monte 2026, que se celebrarán o domingo 27 de setembro, así como do Concurso de Gando desta XXXVIII edición.

As inscricións para as carreiras de andadura permanecerán abertas ata o 21 de setembro e serán gratuítas. A listaxe de persoas admitidas publicarase o 22 de setembro na sede electrónica do Concello, mentres que o prazo de reclamacións estará aberto ata o 24 e a listaxe definitiva publicarase ao día seguinte.

As persoas interesadas poderán inscribirse en liña a través do formulario habilitado polo Concello. No caso dos menores de 16 anos será necesaria a autorización asinada por ambos os proxenitores ou polo titor ou titora legal. Os animais deberán contar con seguro de responsabilidade civil e coa documentación en vigor, ademais de asinarse o día da carreira un documento de descargo de responsabilidade.

As carreiras estarán divididas en cinco categorías segundo a alzada do cabalo, cun corte situado nos 1,51 metros con ferraduras. Haberá probas de andadura Sub-16, andadura libre serrada e chapeada para cabalos de menos de 1,51 metros e andadura libre serrada e chapeada para os de máis de 1,51 metros.

O uso de casco será obrigatorio e as persoas participantes deberán gardar a maior distancia de seguridade posible. Será motivo de descualificación que o cabalo se desboque ou sexa perigoso, así como o mal uso da fusta ou da espora. O xurado estará composto por Brandon Freire Dopico e Juan Gasalla Baamonde.

Na categoría Sub-16, os cinco primeiros clasificados recibirán un trofeo. No resto das categorías, o primeiro premio será de 150 euros e trofeo, o segundo de 100 euros e trofeo, o terceiro de 75 euros e trofeo, o cuarto de 50 euros e medalla e o quinto de 30 euros e medalla.

Pola súa banda, o prazo de inscrición para participar no Concurso de Gando da XXXVIII Feira do Poldro estará aberto ata o 22 de setembro. Poderán participar profesionais da gandería que asistan á feira, pero deberán solicitar expresamente o curro e a participación no concurso. A inscrición tamén será gratuíta.

Os animais deberán estar debidamente documentados e quedará excluído o gando cabalar destinado en exclusiva ao deporte ou ao ocio. Para poder cobrar os premios será necesario estar ao corrente das obrigas tributarias coa AEAT, Atriga e o Concello de Muras, así como coa Seguridade Social.

A inscrición poderá realizarse presentando o Anexo I no rexistro do Concello de Muras ou a través da súa sede electrónica. A listaxe de admitidos publicarase o 23 de setembro, mentres que o prazo para presentar reclamacións rematará o 25 de setembro, data na que tamén se fará pública a listaxe definitiva.

A clasificación do concurso de gando realizarase na mañá do 27 de setembro, a partir das 10.30 horas. O xurado estará formado por tres técnicos veterinarios cualificados, que puntuarán os animais segundo unha táboa de parámetros.

No concurso concederanse premios ao maior número de cabezas de gando cabalar e/ou bovino, con 300 euros para o primeiro clasificado, 200 para o segundo, 150 para o terceiro, 100 para o cuarto e 75 para o quinto.

Tamén haberá premios para o mellor semental cabalar, a mellor egua, o mellor lote cabalar, a mellor cría cabalar do ano, o mellor semental bovino, a mellor vaca, o mellor lote bovino e a mellor cría bovina do ano. En todas estas categorías os premios serán de 150 euros para o primeiro clasificado, 100 para o segundo e 75 para o terceiro.

0.15555310249329