Muras incorpórase á Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero con doce novos títulos para fomentar a igualdade

TerraChaXa
A iniciativa da Subdelegación do Goberno achega lecturas sobre feminismo, autoestima, empoderamento e prevención da violencia machista a concellos de toda a provincia
maleta-viajera-Muras
13 Aug 2026

O Concello de Muras sumouse ao proxecto MAVI, a Maleta Viaxeira contra a Violencia de Xénero, unha iniciativa impulsada pola Subdelegación do Goberno en Lugo que busca promover a igualdade e a prevención da violencia machista a través da lectura e da reflexión crítica.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, participou na entrega do material acompañada polo alcalde de Muras, Manuel Requeijo, nun acto no que destacou a importancia de achegar á cidadanía recursos que permitan avanzar cara a unha sociedade máis igualitaria.

A maleta entregada ao municipio inclúe doce libros de distintas temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento feminino, a autoestima ou a loita contra a violencia de xénero. O obxectivo é facilitar o acceso a textos que fomenten o pensamento crítico e contribúan a cuestionar estereotipos e comportamentos discriminatorios aínda presentes na sociedade.

Durante o acto, Olimpia López puxo en valor a boa acollida que está a ter este programa en distintos puntos da provincia e sinalou que iniciativas deste tipo axudan a sensibilizar á poboación sobre a necesidade de seguir avanzando na igualdade real entre mulleres e homes.

A representante do Goberno tamén incidiu na importancia de manter e reforzar as políticas públicas destinadas á prevención da violencia machista, ao tempo que agradeceu a colaboración do Concello de Muras para facilitar a chegada deste proxecto á veciñanza.

Con esta nova incorporación, Muras únese a outros municipios da provincia que xa participaron nesta iniciativa, entre eles Viveiro, Sarria, Vilalba, Meira, Trabada, Quiroga, Cervantes, Barreiros, Chantada, Monforte de Lemos, Burela, Taboada, Lugo ou Ribeira de Piquín, ademais dos centros penitenciarios de Bonxe e Monterroso.

Actualmente son tres as maletas que percorren a provincia levando este material a concellos, centros de información á muller, servizos sociais e entidades que traballan na atención e apoio ás vítimas da violencia de xénero.

Entre os títulos incluídos na maleta entregada en Muras figuran obras como Insolación, de Emilia Pardo Bazán; Soy una niña rebelde, de Francesca Cavallo e Elena Favili; Desearmar la masculinidad, de Beatriz Ranea Triviño; La mujer del porvenir, de Concepción Arenal; Maternidades S.A., de Laura Nuño; El bosque de los cuatro vientos, de María Oruña; Mujeres invisibles para la medicina, de Carme Valls Llobet; El lunes nos querrán, de Najat El Hachmi; Tierra de mujeres, de María Sánchez; La revuelta de las putas, de Amelia Tiganus; La tierra de las mujeres, de Sandra Barneda, e El color púrpura, de Alice Walker.

0.1061110496521