Muras inicia as obras de rehabilitación e mellora da eficiencia enerxética en tres escolas rurais

TerraChaXa
Actuación nas de Silán e Viveiró, investindo, 38.000 e 59.000 euros, respectivamente, e farán a remodelación en Irixoa cun orzamento de 166.517 euros
escola-unitaria-muras-en-obras
Escola unitaria de Muras
26 Ago 2024

O Concello de Muras arranca este luns tres obras dentro do plan de actuación que se levará a cabo cos cartos do Fondo de Compensación Ambiental durante o presente ano e que teñen un orzamento total de 506.083 euros.

Así, inícianse as obras no rural, como a mellora de dúas escolas rurais. Na do Viveiró realizarán unha reforma cun orzamento de 59.073 euros e na de Silán de 38.258 euros. Nos dous casos trátase de accións de mellora da eficiencia enerxética con renovación de fiestras, cerramentos e pintado.

A escola do Viveiró é un edificio de propiedade municipal destinada a usos múltiples para os veciños, así como para a celebración de actividades do Concello. É un edificio dun andar de planta rectangular e cuberta de lousa a dúas augas. As carpinterías son de aluminio de cor vermello sen rotura térmica e con persianas aloxadas en caixón de madeira. Cambiarán as ventás, de tipo corredizo, por outras de RPT, así como o cambio da fontanería interior. Rematarán co pintado e selado de fendas das fachadas.

A de Silán, situada no lugar de Rubaiño, construída no ano 1940. é un centro social de reunión de veciños, unha vez que foi pechada a escola unitaria. As actuacións pasan tamén pola renovación integral de portas e fiestras e a execución dun zócalo perimetral dun metro de altura para paliar os problemas de humidade. Tamén se fará o pintado das estancias.

Actuarase tamén na escola de Irixoa de forma, na que investirán 166.517 euros. Trátase dunha pequena edificación illada nunha parcela de propiedade municipal. Recentemente instalouse na mesma un punto limpo, utilizando una nave existente, polo que comparte acceso con este. O uso orixinal do edificio era o de escola, empregada nos últimos anos como local social e atópase nestes intres sen uso algún, dado o seu mal estado de conservación.

A construción da antiga escola data do ano 1922, ao igual que outras moitas existentes na comarca, pola sociedade benefactora Vivero y su comarca, constituída por emigrantes galegos en Cuba co fin de contribuír á mellora da alfabetización na súa terra natal.

De cara a recuperar a habitabilidade do edificio e a mellora da súa eficiencia enerxética, farase a renovación completa da envolvente exterior do edificio, mediante a instalación de carpinterías metálicas dotadas de rotura de ponte térmico e dobre acristalamento con cámara de aire, e o illamento do conxunto da envolvente polo interior, executando un trasdosado de cartón xeso con illamento de la de roca incorporado no peche de fachada, unha soleira de formigón elevada, ventilada, e illada termicamente no chan, e un falso teito de cartón xeso á altura do existente, incorporando igualmente illamento térmico.

As obras teñen un prazo de execución de dous meses e o Concello deu aviso de que mentres duren as obras non se poderán utilizar os locais para facer reunións nin actividades.

0.15317296981812