Muras presenta a programación da décima edición da Romaxe Artesá da Chaira

O Concello de Muras organizará o vindeiro 23 de maio a décima edición da Romaxe Artesá da Chaira, unha cita xa consolidada no calendario cultural da comarca e que combinará artesanía, música, xogos tradicionais e gastronomía ao longo de toda a xornada.
A programación arrancará ás 11.00 horas coa apertura da feira e dos postos de artesanía, coincidindo tamén co comezo dos xogos tradicionais organizados por Xotramu, que se desenvolverán durante todo o día. Media hora despois, o Mago Antón presentará o espectáculo “50”, unha actuación que repetirá en distintos momentos da xornada.
Ás 12.00 horas celebrarase un obradoiro para crianzas centrado na elaboración dunha malva artesanal. Xa pola tarde, ás 16.30 horas, terá lugar un novo obradoiro dedicado á elaboración de filloas.
A música tamén terá un papel destacado nesta décima edición. Ás 13.30 horas actuará Mekanika Rolling Band e ás 18.00 horas desenvolverase unha foliada popular coa participación de Airiños do Eume, Fol do Raxal e Os Ferozes da Galgueira. A programación musical continuará ás 20.00 horas co concerto de Brúa e rematará ás 21.00 horas coa actuación de Mercedes Peón xunto a Ingrávida.
A carpa de artesanía pechará ás 20.00 horas, poñendo fin a unha xornada que busca poñer en valor a cultura popular, os oficios tradicionais e a música galega. A Romaxe Artesá da Chaira está organizada polo Concello de Muras e conta coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.