Muras presenta unha marca colectiva para impulsar a venda de produtos do territorio

O Concello de Muras presentou este domingo a ‘Marca Muras’, unha marca colectiva creada para identificar e promocionar produtos elaborados ou vinculados ao territorio baixo un selo común. A iniciativa foi dada a coñecer no marco da Feira do Poldro, que se celebra na Gañidoira, e conta co apoio da Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, da Universidade de Santiago de Compostela e de entidades do sector.
Na presentación participaron o alcalde de Muras, Manuel Requeixo, e as concelleiras Paula Gómez e Azucena Camba, xunto con representantes do BNG como o deputado no Parlamento de Galicia Daniel Castro, a deputada responsable de Gandería e Industrias Alimentarias, Ariadna Fernández, o deputado provincial de Medio Rural, Daniel García, e os responsables comarcais da formación Antonio Veiga e Iria Cotelo.
A nova marca nace coa intención de dar maior visibilidade aos produtos de Muras e facilitar a súa comercialización baixo unha identidade compartida. Entre os produtos que actualmente presentan maior potencial para incorporarse ao selo figuran a carne de vacún, o poldro do Xistral, o mel de montaña, a castaña, a verza de Muras e os cogumelos.
“Muras é un territorio único donde gando e veciños manteñen unha paisaxe milenaria. Agora con esta marca teremos un nome recoñecido e poderáse vender mellor, porque esta marca busca que o valor do noso se traduza en prezo e imaxe do territorio”, afirmou o alcalde Manuel Requeixo.
Durante a xornada tamén se puxo en valor o papel da gandería extensiva no mantemento dos montes e na prevención dos incendios. A deputada Ariadna Fernández destacou a importancia do gando equino e das razas autóctonas para a conservación do territorio e a sustentabilidade ambiental, así como o traballo que, segundo sinalou, desenvolve o Concello de Muras en colaboración cos colectivos de gandeiros.
Fernández referiuse tamén á apicultura como outra actividade relevante no municipio, que conta ademais cunha feira específica no mes de novembro.
Pola súa banda, o deputado provincial de Medio Rural, Daniel García, salientou as posibilidades que ofrece a nova marca para aproveitar a visibilidade de Muras e dos seus produtos a través de diferentes canles. “Muras está no foco e a marca aproveita esta visibilidade para os produtos e para o territorio: turismo, feiras, redes....”, indicou.
O proxecto tamén contempla apoio técnico aos produtores e produtoras para a xestión da marca e para a solicitude de axudas, co obxectivo de facilitar estes trámites e reducir a carga burocrática.
Durante a visita á Feira do Poldro, Daniel Castro destacou o modelo de xestión municipal de Muras e defendeu a necesidade de impulsar políticas específicas para favorecer o desenvolvemento do medio rural. O deputado reclamou “máis Muras” e máis gobernos municipais centrados na mellora das infraestruturas e dos servizos e na defensa dos intereses da veciñanza.
O alcalde tamén puxo en valor a colaboración da Área de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo coa Feira do Poldro, tanto mediante apoio económico como a través doutras iniciativas. Requeixo destacou neste sentido o programa ‘Un gusto de rural, un rural de gusto’, destinado á promoción dos produtos do rural, así como o traballo desenvolvido con PURAGA e as razas autóctonas galegas.