Muras renderá homenaxe ás oito vítimas da represión franquista cunha placa conmemorativa na Praza da Galeguidade

TerraChaXa
O acto forma parte dunha iniciativa promovida pola Comisión Pro Memorial de Vítimas do Franquismo de Ferrolterra que tamén se fai en Viveiro e Ourol
guerra-civil-represaliados
5 Jun 2026

O Concello de Muras acollerá este sábado, 6 de xuño, un acto de lembranza e homenaxe ás oito persoas asasinadas no municipio polo bando nacional ao comezo da Guerra Civil. A cerimonia terá lugar ás 10.30 horas na Praza da Galeguidade, onde se descubrirá unha placa conmemorativa na súa memoria.

As vítimas ás que se lles rende tributo son Antonio Lafuente Jiménez, Jesús Bellas Cao, Manuel Gato Ramudo, Juan Pérez Dopico, coñecido como “Xan de Xenaro” ou “Carabana”, Juan Gallego Abeledo, alcumado “Buzo” ou “Comandante”, Manuel Clavero de la Iglesia, Josefa Escourido Cobo, coñecida como “Lúa”, e Celia González Pernas.

O acto forma parte dunha iniciativa promovida pola Comisión Pro Memorial de Vítimas do Franquismo de Ferrolterra, que conta co apoio de investigadores e historiadores, entre eles o cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal. A programación inclúe tamén homenaxes similares en Viveiro, ás 12.30 horas, e en Ourol, ás 11.30 horas.

Nas placas, elaboradas en aceiro inoxidable, poderá lerse a inscrición: “En lembranza dos asasinados pola barbarie fascista o defenderen a legalidade republicana e as liberdades democráticas”.

A Comisión Pro Memorial de Vítimas do Franquismo de Ferrolterra, estendida tamén ás comarcas do Eume e Ortegal, está integrada por familiares de represaliados, historiadores e activistas comprometidos coa recuperación da memoria democrática. Entre os seus obxectivos figura a identificación, dignificación e recoñecemento das persoas que sufriron a represión franquista entre 1936 e 1975, así como a difusión da súa historia para contribuír á conservación da memoria colectiva.

0.095092058181763