Muras, Xermade, Guitiriz e A Pastoriza poñerán autobuses para apoiar a manifestación da fauna salvaxe do 8 de maio
A plataforma formada pola Asociación de Prexudicados pola Fauna Salvaxe (Aperfasa), Asociación de Criadores de Ovino e Caprino de Galicia (Ovica), Federación Rural Galega (Fruga) e Sindicato Labrego Galego (SLG), solicitaron a varios concellos da Terra Chá o seu apoio á marcha de protesta con cacerolada que se celebrará o 8 de maio en Compostela para demandar solucións aos danos causados pola fauna salvaxe.
En concreto, poñerán autobuses para facilitar o desprazamento das persoas interesadas en participar nas protestas os concellos de Guitiriz, Muras, A Pastoriza e Xermade. Tamén se lles propuxo apoiar aos concellos de Abadín, Cospeito e Vilalba, pero non contestaron a petición. Todas as persoas que queiran utilizar este servizo brindado polos concellos chairegos terán que anotarse chamando ao teléfono 659 985 308. Tamén existe a posibilidade de anotarse directamente en cada concello que, no caso particular da Pastoriza, é a única forma posible de facelo.
A Terra Chá, unha das que ten maior riqueza gandeira da Galicia, é das que están a ser máis castigada polos ataques de fauna salvaxe. Coas estatísticas de 2017, Muras foi precisamente o concello no que máis ataques de lobos se denunciaron, con 84, seguido de Abadín (51) e Vilalba (33). Os ataques de lobo están concentrados, sobre todo, na zona d'O Xistral. En canto aos danos do xabaril, están a facer desistir a moitas granxas de botar millo polos reiterados ataques ás fincas e a pouca eficacia das medidas preventivas.
Dende as organizacións convocadoras, esixirase medidas como:
Control das poboacións de fauna salvaxe: A Xunta de Galicia é a responsábel da xestión da fauna salvaxe na Galiza. Por iso, esiximos da Xunta medidas concretas como a elaboración de censos de poboación das diversas especies silvestres por comarcas para determinar en que zonas existen desequilibrios e actuar en consecuencia. Cando unha especie deriva en praga pode facer insostibles actividades tradicionais como a agricultura ou a gandería, ou mesmo poñer en perigo a supervivencia doutras especies salvaxes.
Cobertura do 100% dos danos: A Xunta debe ser a responsábel civil subsidiaria do 100% dos danos causados pola fauna salvaxe, xa que o seu mantemento e conservación é unha responsabilidade do conxunto da sociedade galega. Por ese motivo, esiximos que se cubra a totalidade das perdas causadas por especies salvaxes e, en concreto, que se cree con carácter de urxencia o fondo de corresponsabilidade previsto xa pola Lei de Caza en 2013.
Control sanitario efectivo da fauna salvaxe: Está a haber un incremento alarmante das enfermidades de carácter contaxioso propagadas por especies salvaxes dentro e fóra de Galiza. Así, estamos asistindo á aparición de novos focos de peste porcina africana, tuberculose bovina ou brucelose no gando; ou a transmisión da Enfermidade de Lyme nas persoas a través da carracha do corzo (Ixodes ricinus), que pode causar graves consecuencias na saúde humana e mesmo a morte. Agora mesmo, non se está a facer practicamente nada ao respecto e debería haber un programa de control sanitario suficientemente dotado en orzamento e medios para evitar futuras crises sanitarias e que involucrase consellarías como Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade.
Financiamento suficiente para as medidas de prevención: Na actualidade, as medidas preventivas contra os ataques da fauna salvaxe son manifestamente insuficientes. Para que a prevención sexa efectiva, cómpre deseñar un plan de maneira coordinada cos diversos axentes dos sectores agrogandeiros e dotalo con suficiente orzamento.
Xestión territorial: A medio e longo prazo é necesaria unha ordenación do territorio, poñendo especial fincapé na xestión do monte e superficies boscosas en estado de abandono na proximidade de zonas con actividade agrogandeira, así como na persecución e denuncia da forestación de terras agrarias.