Nacemento do Miño: O Pedregal de Irimia ou Fonmiñá

TerraChaXa
Reportaxe de Miriam Fernández sobre o debate do nacemento do Miño entre Fonmiñá na Pastoriza ou O Pedregal de Irimia en Meira.
pedregal de Irimia_meira
29 Mar 2021

Por Miriam Fernández

Sen dúbida, o río Miño é o torrente de auga máis importante e caudaloso de todo Galicia e un dos máis importantes de España, coñecido agarimosamente polos galegos como o “Pai da nosa Terra”. Ó longo dos seus 318km de canle principal, o río Miño percorre tres das provincias da nosa comunidade (Lugo, Ourense e Pontevedra), actuando nos seus últimos 78 km como fronteira natural e administrativa con Portugal antes de desembocar no Atlántico. No seu camiñar recibe tamén as augas de varios ríos coma o Ladra, o Avia, Tea, Louro, Neira, Arnoia, Mouro e Coira, entre outros, e cun afluente principal, o Sil, aportándolle o dobre de caudal na súa confluencia (Os Peares).

Durante moitos anos o debate sobre o nacemento do Miño estivo marcado por diferentes hipóteses e en base a dúas localizacións situadas en dous concellos veciños, Meira e a Pastoriza, as cales defendían respectivamente como orixe independente os lugares do Pedregal de Irimia e a Lagoa de Fonmiñá. Co obxectivo de aclarar estas dúbidas, xeólogos e expertos en hidrografía instalaron medidores en distintos puntos da Serra de Meira e na Lagoa para comprobar a profundidade das fontes, concluíndo que a Serra e o Val de Meira están situados sobre unha gran balsa de auga que aflora a pouca profundidade en distintos puntos, establecendo o Pedregal como a fonte inicial e máis elevada.

Por tanto o correcto é afirmar que o río Miño nace no Pedregal de Irimia, Concello de Meira, a uns 695 metros de altitude e ós pés do Pico do Forno de Martín, baixo unha colada de pedras de tipo periglacial depositadas de forma natural fai miles de anos por linguas de xeo, as cales se distribúen de forma descendente ó longo duns 700 metros cunha característica forma de embude. No remate desta formación xeolóxica saen á vista as primeiras augas do Miño, as que pouco a pouco irán sumándoselle outras fontes como as do Porto da Pena, a do Rego de Feás,  a de Regolongo, Fonte da Pena, Valiña, Paredes, Fonmiñá, etc.

Como se cabía esperar, esta imaxe singular na que as rochas e a auga son as protagonistas, deu orixe a diferentes lendas, como a que atribúe a presenza de tantas pedras a unha Gorgona que petrificou homes,  á meiga Irimia que as colocou alí para impedir que os monxes de Meira puidesen beber daquelas augas (xa que a querían expulsar do lugar por non pagarlles a renda), ou a que conta que foi obra do mesmo diaño que se chegou ata o lugar cos seus secuaces, cargados de pedras para tirarlles ós monxes, máis os rezos deses fixéronos fuxir deixando o cargamento atrás. Outra historia famosa fala sobre un matrimonio mal levado e o conxuro da dona contra o seu home  no que uns paxaros enormes comezaron a guindarle pedras, baténdolle cunha delas na cabeza e tirándoo ó chan. Do sangue que saíu da cabeza do bo do home xurdiría o río Miño.

Aínda que o propio nacemento do Miño teña orixe en Meira, pódese dicir que a Lagoa de Fonmiñá na Pastoriza é a fonte máis coñecida e importante daquelas que se suman ó caudal do Miño pouco despois de nacer. Esta alberca é unha afloración de augas profundas de 350 m2, de orixe cárstico e nela emerxe a auga subterránea en distintos puntos, perceptible por medio de burbullas que soben cara a superficie da auga coñecidos coma “os ollos do Miño”, característica que seguramente creou a idea de que o río se orixinaba aquí. Arredor da lagoa creouse unha fermosa área recreativa aproveitando a importancia paisaxística que a inclúe na Reserva da Biosfera, con pasarelas de madeira e roteiros de sendeirismo que nos permiten contemplar a riqueza natural da zona e os arredores. En 1969 Magín Picallo e Manuel Mallo crearon o conxunto escultórico dedicado ó deus Breogán e que se instalou nas inmediacións.

As lendas tampouco son alleas a este enclave, pois existen relatos sobre un pobo asolagado do que aínda resoan as campás e sobre unha parella de bois cun carro e o dono que se somerxeron nas augas para nunca máis sair a flote.

Deixando os debates a parte, tanto o Pedregal de Irimia como a Lagoa de Fonmiñá son dous enclaves importantes da xeografía lucense que forman parte esencial da historia da nosa Terra e do noso “Pai Miño”, así coma de todo o patrimonio natural, material e inmaterial que arredor se orixinou ó longo dos séculos.

fonmina pastoriza
lagoa fonmina meira
0.15984511375427