Narla celebra esta fin de semana as súas festas na honra de San Pedro

A parroquia de Narla, no concello de Friol, celebrará esta fin de semana as súas tradicionais festas na honra de San Pedro cun programa que combinará actos relixiosos e actuacións musicais para todos os públicos.
As celebracións darán comezo o sábado 4 de xullo cunha misa solemne ás 13.30 horas. A continuación terá lugar a sesión vermú, amenizada pola orquestra Compostela. Pola noite celebrarase unha gran verbena coa actuación da propia orquestra Compostela e da solista Nerea Cobas.
O domingo 5 de xullo continuarán os festexos cunha nova misa solemne ás 13.30 horas. A sesión vermú correrá a cargo do Dúo La Hora Bruja. Xa pola tarde, ás 20.30 horas, haberá baile coa actuación do mesmo dúo e da orquestra Olympus, encargada de poñer o broche final ás celebracións.
Ademais, durante a tarde do domingo os máis pequenos poderán desfrutar de colchonetas gratuítas, nunha proposta pensada para completar a oferta festiva e favorecer a participación de toda a veciñanza nas festas patronais.