Natalicia ars

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Achégate á música clásica da man de Rebeca Maseda, que narra dende preto, historia, cultura e paixón por esta arte.
Rebeca maseda
17 Xan 2021

Por Rebeca Maseda

Nadal, Navidad, Natal, Noël, Natale, Christmas, Weihnachten, Рождество...Moitas palabras para unha mesma idea. Cada 25 de decembro celébrase o nacemento de Xesús en diferentes Igrexas do mundo enteiro: católica, anglicana, na maioría das ortodoxas, nalgunhas comunidades protestantes, etc. É unha festividade moi importante na cultura cristiá que inspirou a moitísimos artistas ao longo da Historia: pintores, escritores, compositores... Infinidade de nomes estratosféricos que nos deleitan coas súas creacións e que outorgan un maior simbolismo ao Nadal.

No ámbito musical atopamos unha gran variedade de composicións inspiradas nestas datas, dende os grandes oratorios ou concertos de Nadal ata as pezas de carácter popular coñecidas como panxoliñas. Xa na Idade Media o canto ocupaba un lugar moi importante dentro da liturxia relixiosa e máis aínda nunha celebración tan especial como a do 25 de Decembro. E falando de música e relixión é de obrigada mención a figura de J.S.Bach (1685-1750), sen dúbida un dos máis grandes compositores da historia da música occidental. Digo máis, se as relixións naceron en torno a persoas extraordinarias, Bach debería ter a súa propia e seguro que contaría con miles de adeptos! Deus da polifonía e o contrapunto, fonte de inspiración inesgotable para tantísimos compositores de todos os tempos: J.Haydn, W.A.Mozart, L.van Beethoven, F.Mendelssohn, R.Schumann, etc. AMÉN.

Home -aínda que costa crer que fora humano- de profundas conviccións relixiosas que conta no seu catálogo con infinidade de obras sacras, entre as que destaca o seu Oratorio de Nadal, BWV 248. Escrito para o Nadal de 1734 incorpora música de composicións anteriores, tres cantatas seculares e outra escrita para a Igrexa, perdida a día de hoxe. Ademais da vastísima obra de Bach atopamos outras magníficas composicións que honran estas datas tan especiais: o sobradamente coñecido Mesías de Händel composto en 1741, o Concerto de Nadal do compositor do barroco italiano A.Corelli, Oratoire de Noël (1858) de C.Saint-Saëns, o famosísimo ballet O Quebranoces de P.I.Tchaikovsky, estreado en 1892 e baseado na adaptación feita por Alejandro Dumas do conto O Quebranoces e o Rei dos Ratóns de E.T.A.Hoffmann; a ópera A Noite de Nadal de N.Rimski-Kórsakov, A Boy was Born do compositor inglés B.Britten, etc. Seguindo con música natalicia non podemos esquecer esas cancións populares e cheas de ledicia que todxs coñecemos en maior ou menor medida, as panxoliñas. En orixe non estaban ligadas ao Nadal como tal, de feito este tipo de cancións populares versaban sobre temáticas moi diversas cando comezaron a popularizarse en España e Portugal durante a Idade Media e o Renacemento. Principalmente tratábase de composicións vocais inspiradas en textos de temática rural e que non sempre se acompañaban con instrumentos. Autores tan recoñecidos como Juan de la Encina, Mateo Flecha ou Gaspar Fernandes regaláronnos fermosas musicalizacións. As panxoliñas constituían un dos tres xéneros máis importantes da lírica popular española, xunto coas cantigas e as jarchas mozárabes. Finalmente unha gran parte das panxoliñas renacentistas foron recollidas en manuscritos e volumes antolóxicos coñecidos como Cancioneiros, entre os que destacan o Cancioneiro Xeral, o de Palacio, Linares, Medinaceli, Colombina ou o de Upsala. Co paso do tempo as panxoliñas foron acadando maior relevancia nas festividades relixiosas, sendo o Nadal a celebración na que ditas composicións se fixeron máis populares. Ao longo dos séculos XVII e XVIII as panxoliñas lograron unha gran sofisticación musical, incluíndo coros, solistas e mesmo representacións teatrais. Mención especial merece o compositor mindoniense José Pacheco (1784-1865), mestre de capela durante 60 anos na Catedral de Mondoñedo que conta no seu catálogo cunha extensa produción de panxoliñas sacras e profanas, tanto en galego como en castelán.

Se no ámbito musical vemos a infinidade de composicións inspiradas no Nadal, non son menos as marabillosas obras de arte que nos ofrece o mundo pictórico e literario. É imposible mencionar todos os cadros e libros nos que os seus creadores beberon da fonte inspiradora do universo natalicio. A lista sería realmente longa, moi longa; e por suposto, chea de beleza, de imaxinación, de creatividade; en definitiva, de maxia. Un deses cadros é “A Anunciación” de Fra Angelico, obra do pintor toscano do Renacemento, Guido di Pietro da Mugello (1400-1455). Trátase dun retablo realizado en ouro e temple sobre táboa, pintado orixinalmente para a Igrexa do Convento de Santo Domingo de Fiesole (Italia) e que na actualidade se conserva no Museo do Prado en Madrid. Lembro perfectamente esa cor azul tan intensa do manto da Virxe e da bóveda que a cobre cal ceo estrelado, ou os raios de sol dourados que iluminan a estancia como se fose luz natural, unha auténtica xoia. Outras pezas do “xoieiro” son “A Adoración dos Magos” de Leonardo da Vinci, “Adoración dos pastores” do Greco, “Adoración dos Magos” do Bosco, “Natividade mística” de Botticelli e un longo e extraordinario etcétera.

Valoremos o misticismo, a maxia e a beleza da arte natalicia e refutemos un pouquiño máis o egoísmo e a avaricia, non vaia ser que recibamos a visita dunha pantasma anoxada como lle acontece ao protagonista de C.Dickens en A Christmas Carol, nunca se sabe...

0.12215900421143