“Necesitamos socios, voluntarios e colaboradores para medrar”

TerraChaXa
Obradoiro de Soños é un colectivo de recente creación en Parga, que se iniciou co Mercado de Nadal e agora prepara máis actividades para o resto do ano
feira-nadal-obradoiro-de-sonos
9 Aug 2026

Cando naceu a asociación?

A asociación naceu en 2026 coa ilusión de impulsar proxectos deportivos, culturais, sociais e educativos que contribúan a dinamizar Parga e a súa contorna.

Como xurdiu a idea?

A idea xurdiu porque un grupo de nais e pais queriamos seguir colaborando en proxectos como o Cros Vila de Parga ou a Feira de Nadal, mesmo despois de que os nosos fillos e fillas rematasen a súa etapa no Cole de Parga. Así nace Obradoiro de Soños: para dinamizar a nosa vila, seguir apoiando ao colexio e dar a oportunidade de continuar colaborando a todas esas familias que así o desexen.

Cantos socios/as a forman? Está en crecemento?

A asociación atópase agora mesmo iniciando a súa etapa de crecemento. Do 15 de setembro ao 30 de outubro abrirase o prazo para facerse socio, polo que esperamos que sexan moitas as persoas que se unan a este proxecto.

Como se fai un socio?

Do 15 de setembro ao 30 de outubro estará aberto o prazo para facerse socio. A cota será de 25 euros anuais para o socio ordinario e de 50 euros anuais para o socio de honra. Nesas datas anunciarémolo nas nosas redes sociais e mediante carteis informativos, nos que aparecerán os teléfonos de contacto e toda a información necesaria para que as persoas e familias interesadas poidan inscribirse.

Cales son as actividades habituais?

Traballamos na organización de actividades deportivas, culturais, solidarias e familiares. Entre elas destacan a Feira de Nadal de Parga e o I Cros Vila de Parga, ademais doutras iniciativas que iremos poñendo en marcha.

Cales queren poñer en marcha nun futuro?

Queremos consolidar os proxectos actuais e seguir creando novas actividades para todas as idades que fomenten a convivencia, o deporte, a cultura e a participación veciñal.

Hai outros proxectos que lles gustaría poñer en marcha?

Si. Temos moitas ideas relacionadas coa cultura, o deporte, a infancia, a inclusión e a dinamización da nosa vila. Agora toca traballar para facelas realidade.

Que necesidades teñen?

Necesitamos socios, voluntariado, empresas colaboradoras e o apoio das administracións para seguir medrando e poder levar adiante novos proxectos.

Contan con axuda para manter a asociación activa?

Si. A asociación mantense grazas ao traballo voluntario da directiva e das persoas colaboradoras. Ademais, contamos co apoio de administracións públicas, empresas, entidades, clubs e outras asociacións que fan posible que moitos dos nosos proxectos saian adiante. Queremos agradecer especialmente ao Cole de Parga por abrirnos sempre as portas e acompañarnos en cada iniciativa; ao Club de Atletismo Guitiriz por compartir con nós a súa experiencia e implicarse desde o primeiro momento; á Asociación Galega de Artesáns do Calzado pola súa colaboración constante e por apoiar cada novo proxecto; e á Asociación Parga Rock, que sempre está disposta a sumar esforzos polo ben da nosa vila. Sen a colaboración de todos eles sería moito máis difícil converter as ideas en realidade.

Que aceptación están a ter?

A acollida está sendo moi boa. Estamos moi agradecidos pola resposta da veciñanza, das empresas colaboradoras e das entidades que están confiando neste proxecto desde os seus primeiros pasos.

Contan co apoio do Concello ou doutras administracións?

Si. Contamos coa colaboración do Concello de Guitiriz e tamén co apoio da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, que colaboraron coa nosa Feira de Nadal do ano pasado. Agardamos poder seguir contando co seu apoio nas vindeiras edicións e nas novas actividades e proxectos que poñamos en marcha, xa que esa colaboración é fundamental para continuar dinamizando a nosa vila.

Que significa para vós o nome de Obradoiro de Soños?

Nace da unión de dous conceptos que son a nosa alma. “Obradoiro” porque queremos crear, construír e facer realidade novas ideas e proxectos para a nosa vila e a nosa comunidade. E “Soños” porque estamos vencellados ao Cole de Parga, o lugar onde para todos nós os soños se fan realidade.

Para rematar...

Queremos convidar a toda a veciñanza a participar no I Cros Vila de Parga, o vindeiro 26 de setembro. As inscricións xa están abertas e haberá categorías para todas as idades, carreira adaptada, relevos mixtos e Fila 0 para quen queira colaborar sen correr. Todos os inscritos, incluídos os da Fila 0, recibirán un dorsal, participarán nos sorteos e estarán convidados a unha gran paella popular ao remate da xornada. Agardámosvos para vivir unha gran festa do deporte e da convivencia en Parga.

0.12048506736755