Néstor Rego negociará a inclusión de financiamento para a depuradora de San Miguel

TerraChaXa | LugoXa
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, realizou unha visita institucional ao Concello de Barreiros, onde foi recibido pola alcaldesa, Ana Ermida e o goberno municipal.
9 Mar 2020

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, realizou unha visita institucional ao Concello de Barreiros, onde foi recibido pola alcaldesa, Ana Ermida e o goberno municipal.

Tras coñecer as instalacións municipais e asinar no libro de honra do Concello, mantivo unha reunión de traballo co goberno municipal, na que lle trasladaron as necesidades de Barreiros para a súa defensa en Madrid, insistindo nas demandas xa levadas polo goberno municipal aos Ministerios.

Finanzamento para a depuradora de San Miguel.

Tras a reunión mantida na casa consistorial, o deputado en Madrid visitou, acompañado do goberno e veciñanza, a praia de Arealonga e as instalacións das depuradoras de San Miguel e Reinante, onde lle amosaron in situ a situación que se produce, especialmente no verán, e que está a supoñer importantes prexuízos para o municipio barreirense.

Desde o goberno municipal insistiron en trasladar que os vertidos na praia de Arealonga están causando, ademais dun importante dano na imaxe turística do concello, consecuencias nunha zona especialmente delicada medioambientalmente, a escasos metros da praia das Catedrais e en zona de Rede Natura.

Néstor Rego tomou nota da situación e comprometeuse a "pór enriba da mesa nas negociacións dos Orzamentos Xerais do Estado a demanda barreirense para que goberno central e Xunta de Galicia se poñan a traballar para solucionar un gravísimo problema na depuración de augas residuais, que a Xunta ten a obriga de asumir, obtendo finanzamento de onde sexa preciso."

Posta en valor do xacemento da Roda.

Ana Ermida trasladoulle tamén as xestións realizadas desde o Concello para a posta en valor e protección do xacemento de A Roda, onde Xunta de Galicia e Ministerio de Fomento deben traballar coordinadamente para actuar sobre el e evitar que se continúe a producir o seu deterioro.

O deputado do BNG comprometeuse a realizar todas aquelas xestións paralelas que sexan precisas para que as actuacións se leven a cabo no menor prazo posible, "xa que a protección do patrimonio cultural precisa de axilidade e inmediatez. Catorce anos de inacción e desprotección por parte dos gobernos son demasiados para un ben patrimonial da categoría do que estamos a falar", asegurou.

A alcaldesa sinalou que é fundamental que o Ministerio de Fomento actúe para protexer e poñer en valor o xacemento, coa implicación da Xunta de Galicia, como administración competente en materia de Patrimonio e o compromiso do Concello de Barreiros de realizar as xestións precisas para facelo realidade.

 

Accesos ao polígono de Barreiros.

Outra das cuestións sobre as que o deputado nacionalista traballará en Madrid será sobre a necesidade de que se recolla a previsión de conexión directa do polígono de Barreiros co enlace da A8 e a A74 na futura execución desta.

Desde o goberno municipal amosáronlle a Néstor Rego o absurdo do deseño inicial, deixando o polígono barreirense sen un acceso directo, cando son escasos 100 metros os que separan o punto de conexión do mesmo.

Rego asegurou que "na tramitación que se poida realizar ao respecto, poremos enriba da mesa a necesidade do polígono de Barreiros, pola súa potencialidade e pola importancia de dotalo duns accesos óptimos que garantar o posible desenvolvemento do mesmo."

Ana Ermida expresou o “agradecemento do Concello de Barreiros ao Deputado no Congreso pola súa preocupación e a súa receptividade á hora de recoller as demandas do noso Concello". Pola súa parte, Néstor Rego púxose a disposición do goberno barreirense para desenvolver unha acción de goberno que permita transformar Barreiros e convertelo nun exemplo a seguir, con servizos e un aproveitamento sostible dos seus inmensos recursos."

0.13504695892334