Noche e Codesido celebran esta fin de semana as súas festas patronais con música, procesións e verbenas

As parroquias vilalbesas de Noche e Codesido celebrarán esta fin de semana, os días 13 e 14 de xuño, as súas tradicionais festas patronais cun programa no que non faltarán os actos relixiosos, as sesións vermú e as actuacións musicais para todos os públicos.
En Noche, as celebracións están dedicadas a San Antonio e á Virxe das Candeas. O sábado 13 de xuño terá lugar a sesión vermú amenizada polo Grupo Máster, que tamén será o encargado de poñer música á verbena nocturna xunto á formación La Ocaband. A festa continuará o domingo 14 cunha misa solemne ás 13.30 horas, seguida da procesión e dunha sesión vermú amenizada polo Dúo Venus, que será tamén o encargado de pechar as celebracións.
A organización destaca ademais que haberá colchonetas gratuítas para os máis pequenos e un campo cuberto con carpa para garantir o desenvolvemento das actividades independentemente das condicións meteorolóxicas.
Pola súa banda, a parroquia de Codesido celebrará as festas na honra de San Antonio e San Martiño. O sábado 13 de xuño os actos comezarán ás 13.30 horas coa misa solemne, a procesión e a sesión vermú, mentres que pola noite a verbena estará amenizada pola Orquestra D’Noche e o Trío Calibre.
O programa continuará o domingo 14 coa misa, a procesión e a sesión vermú ás 13.30 horas, que contará novamente coa actuación do Trío Calibre, encargado de poñer o broche final ás festas.