Nova lei de benestar animal
A nova lei de protección e benestar de animais de compañía de Galicia foi publicada o día 11 de outubro e entrará en vigor o día 11 de xaneiro de 2018.
Neste artigo daremos unhas pinceladas achegando os aspectos máis importantes da nova lei.
Establécese que é obriga do propietario que as mascotas deben estar sometidas a revisións veterinarias sempre que o precisen así como realizar os tratamentos médicos se estes o precisasen, así como realizar os tratamentos preventivos obrigatorios (desparasitacións e vacinacións) que se establezan para a protección da saúde publica e a sanidade animal.
Os propietarios deben recoller os excrementos dos animais cando realicen as súas necesidades tanto en lugares público, como privados de uso común (xardíns de edificios). Deben evitar a reprodución incontrolada dos animais (castracións ou métodos anticonceptivos), tamén se debe manter actualizados os datos no rexistro (microchip e rexistro municipal).
Queda prohibido o emprego de obxectos que causen dor ou dano (colares de castigo) así como os colares eléctricos que produzan descargas eléctricas.
Queda prohibido o transporte de animais de compañía en maleteiros totalmente pechados.
Queda prohibido ter os animais encadeados de xeito permanente.
No tocante á identificación animal. É obrigatorio para todos os cans a implantación do microchip antes dos 3 meses de vida e en calquera caso antes da súa transmisión (unha venda por exemplo). Se se produce un cambio de propietario, débese realizar o cambio do propietario no REGIAC.
As razas que se consideran Cans Potencialmente Perigosos (PPP) son: american stafforshire terrier, pit bull terrier, bullmastiff, dobermann, dogo arxentino, dogo de Burdeos, dogo do Tibet, fila brasileiro, mastín napolitano, presa canario, presa mallorquín (ca de bou), rottweiler, bull terrier, stafforshire bull terrier, tosa inu e akita inu así coma os cruces de primeira xeración destas razas ou cruces destas razas con outras.
Con todo, son obrigas xerais para todos os cans non ir soltos pola rúas e deben ir con correa e colar ou similar.
No caso dos cans potencialmente perigosos, a correa debe ser de tipo fixo de menos de dous metros de longo e levar sempre un bozo homologado e axeitado para a súa raza.
Breixo González
Chairegos Servizos Veterinarios