Novo éxito do cargadoiro de poldros en Muras con máis de 50 exemplares vendidos na súa cuarta edición

O cargadoiro celebrado este 18 de abril en Muras rexistrou un novo éxito, cunhas vendas que roldaron os 54 exemplares. A actividade, impulsada polo Concello de Muras en colaboración coa Asociación de Criadores de Gando Equino ACGEMA, tivo lugar no recinto habitual da Feira do Poldro da Gañidoira e congregou a gandeiros do municipio e doutras zonas próximas.
Esta iniciativa, xa consolidada, forma parte do programa municipal da Marca Muras, co obxectivo de apoiar ao sector primario e facilitar a comercialización do gando equino. A través deste cargadoiro, os criadores teñen a oportunidade de vender os seus poldros para recría directamente á asociación ACGEMA, garantindo unha saída estábel e segura para os animais.
Na xornada, a cuarta ata a data, acompañou o tempo e, ademais, púxose en marcha sistema de desinfección de remolques logo da descarga, a cargo do Concello.
As dúas primeiras edicións, celebradas en marzo e abril, xa foran cualificadas de exitosas, cun total próximo aos cen exemplares enviados a Navarra, nunha experiencia pioneira no termo municipal. Na terceira edición chegaron ao centenar de animais.