O Abadín CF logra o ansiado regreso á Segunda Galicia na promoción

TerraChaXa
Na categoría superior, o Guitiriz e o Riotorto pelexarán pola única praza de play off logo de que o Folgueiro lograse o ascenso a fin de semana pasada
ascenso-abadin
11 May 2026

A penúltima fin de semana do fútbol afeccionado lucense deixou dúas celebracións de ascenso a Segunda Futgal e unha emocionante loita aberta pola promoción na categoría. O Abadín CF certificou o salto de categoría tras superar a súa eliminatoria.

O Abadín converteuse en novo equipo de Segunda Futgal tras eliminar ao Muimenta nunha eliminatoria moi igualada. O conxunto dirixido por Michi Río fixo valer a vantaxe conseguida na ida, onde vencera por 2-1, e soubo resistir na volta disputada nun ateigado Pichón. Despois dunha primeira metade sen goles, Ferreiro adiantou ao Abadín ao comezo da segunda parte, poñendo a eliminatoria moi favorable para os locais. O Muimenta reaccionou no tramo final e logrou empatar o encontro por medio de Seijas, pero o marcador xa non se movería e o cadro chairego puido celebrar un histórico ascenso.

Mentres que en Terceira xa quedou todo repartido, Guitiriz CF e Riotorto CF decidirán na última xornada quen accede ao play off de ascenso a Primeira.

Na loita polo único posto de promoción, o Guitiriz parte con vantaxe para facerse coa segunda praza que dá acceso ao play off, despois da goleada conseguida fronte ao San Ciprián por 5-1 no Suso Cruz. O triunfo permitiulle recuperar sensacións tras varias xornadas sen gañar e manter a posición privilexiada antes da derradeira cita ligueira.

Moi preto continúa o Riotorto, situado a un só punto tras vencer ao Goiriz nun encontro moi disputado. O cadro riotortense soubo aproveitar as súas ocasións e acabou levando os tres puntos grazas, entre outros, ao tanto anotado por Óscar no tramo final do partido.

A última xornada decidirá así quen acompañará ao Folgueiro na pelexa polo ascenso, nun desenlace que mantén máxima igualdade entre dous equipos que chegan separados por unha marxe mínima.

0.12009310722351