O acosador nace ou faise?

TerraChaXa
Por Marta R.
Marta Rodríguez Engroba
16 Mar 2018

Por Marta R. Engroba - Asociación. Si, hai saída.

Se hai algo que está a preocuparme e moito, e o que está en camiño de converterse, se é que non o é xa, nunha nova lacra de dimensións para considerarse, creo eu, como mínimo, alarmante.

Estou a referirme aos cada vez mais frecuentes episodios de acoso e mesmo de violencia entre os mais novos.

Comezamos falando, non hai tanto, de bullying, ou, o que é o mesmo, de acoso escolar, algo que existiu sempre, sen dúbida, pero que, ou ben por fin se comezou a visibilizar ou ata agora ninguén se decatara de que existen moitos nenos e nenas para os que acudir cada día aos centros de ensino é unha auténtica tortura por mor das burlas e mesmo das agresións dos seus compañeiros, unha tortura que en demasiadas ocasións desemboca en tráxicos desenlaces, como o suicidio.

Como digo, esto non é nada novo, e de sempre, o diferente, o que non se axusta aos cánones establecidos e que se supoñen “correctos”, corre o risco case certo de ser discriminado ou maltratado.

Esto levoume a lembrar os meus anos escolares. Eu estudei nun colexio de monxas de Lugo que, afortunadamente creo, xa non existe. Como todo o mundo que me coñece sabe, eu sempre fun rubia, e mais de pequena, no que tiña o pelo case blanco.

Pois ben, case desde que entrei no colexio, as propias relixiosas encargadas, dicían, da nosa “formación” arremeteron sen piedade contra min acusándome de tinguir o pelo, esixíndome que lle dixera a miña nai que deixara de facelo e reprochándome ademais a miña condición de filla única, que facía, según as “reverendas” que ademais de tinguida fora tonta por tal característica.

Como era doado de prever, enseguida, algunhas  das propias compañeiras,  penso que mais ben por quedar ben coas monxas que por maldade, polo menos nalgún caso, se uniron ao “coro” burlándose de min, chamándome de todo e conseguindo que o feito de acudir ao colexio cada día fora para min un verdadeiro suplicio.

A única vez que tentei pedirle axuda a unha das monxas, o único que conseguín foi levar unha bofetada que ainda hoxe me doe e un berro : “Dille a túa nai que deixe de tinguirche o pelo, mimosa!. Ben se ve que es filla única!”.

Por suposto o meu carácter resentiuse e cada día era mais retraida e comecei a mirar as propias compañeiras como inimigas. Obviamente, non fun quen de contalo na casa, xa que si miña nai ou meu pai ousaban dicir algo, o futuro que me agardaba ía ser mais negro ainda. Afortunadamente todo se vai curando, e esto non foi unha excepción, pero é un claro exemplo de que o bullying ou acoso escolar non é nada novo, porque o meu caso non foi, desde logo, o único, e non xurde da nada. O facemos nos, os adultos, inculcando nos mais novos o desprezo e a maldade.

Nosa tamén é a obriga de rematar con él, de non facer dos nosos fillos auténticos verdugos. A maldade, digan o que digan, agás rarísimas excepcións, non ven de serie.

Ah, e por se ainda hai por ahí algunha desas “agarimosas” monxiñas e por esas casualidades da vida me le, agora si que me tingo!.

0.10433888435364