O alcalde de Abadín asegura que non existe ningún proxecto presentado para instalar plantas de biogás

TerraChaXa
Nunha carta dirixida aos veciños e veciñas, o rexedor explica que a empresa promotora non rexistrou ningún proxecto para a súa tramitación municipal
concello-de-abadin
24 Aug 2026

O alcalde de Abadín trasladou á veciñanza que, a día de hoxe, non existe ningún proxecto presentado no Concello para a construción ou instalación de plantas de biogás ou biometano, co obxectivo de aclarar a situación ante as informacións e preocupacións xurdidas nas últimas semanas sobre a posible implantación de dúas instalacións deste tipo no municipio.

Nunha carta dirixida aos veciños e veciñas, o rexedor explica que a empresa promotora non rexistrou ningún proxecto para a súa tramitación municipal, polo que o Concello non está a tramitar actualmente ningunha iniciativa relacionada con estas plantas.

Segundo indica o alcalde, o único documento existente no expediente municipal é un informe ou cédula urbanística, un documento de carácter informativo que se limita a recoller a situación e as condicións urbanísticas dos terreos.

O rexedor subliña que este informe "non constitúe un proxecto das plantas nin supón unha licenza ou autorización para construír, instalar ou poñer en funcionamento este tipo de instalacións".

Na carta tamén insiste en que calquera información que leve a pensar que o Concello xa recibiu ou aprobou un proxecto non se corresponde coa situación actual do expediente municipal.

O Concello comprométese a informar á veciñanza de calquera documentación ou proxecto que sexa presentado oficialmente, así como dos trámites que deban realizarse dentro das competencias municipais.

O alcalde pecha a comunicación reiterando o compromiso do Concello coa transparencia e coa información veraz, co obxectivo de que a cidadanía poida coñecer de primeira man a evolución deste asunto.

Pola súa banda, o Sindicato Labrego Galego denuncia "manipulación informativa" por parte do alcalde de Abadín, José María López Rancaño, tras coñecer unha nova carta remitida á veciñanza sobre as plantas de biogás proxectadas no municipio.

O SLG desmente esta versión e asegura que existen dous expedientes en tramitación ante a Consellería de Medio Ambiente, un en Quende (Carina, expte. nº 2025-IPPC-I-64) e outro en Candia (Crux, expte. nº 2025-IPPC-I-63), para os que xa se emitiron informes de compatibilidade urbanística. Para elaborar eses informes, o propio Concello necesariamente coñeceu a localización, dimensións e características dos proxectos, polo que a súa negativa a recoñecer a súa existencia carece de fundamento.

Desde o sindicato insisten en que, aínda que a empresa non presentase aínda o proxecto para a tramitación municipal, iso non equivale a que os proxectos non existan, e reiteran o seu chamamento á transparencia, ofrecendo ao alcalde acompañalo a consultar os expedientes na Xunta de Galicia.

0.12219190597534