O alcalde de Cervo chama á cidadanía a mobilizarse por Alcoa o 16

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O alcalde popular de Cervo, Alfonso Villares, enviou unha carta aos veciños para animalos a sumarse á concentración convocada para o vindeiro día 16 en favor dos postos de traballo da factoría de Alcoa en San Cibrao.
14 Out 2019

O alcalde popular de Cervo, Alfonso Villares, enviou unha carta aos veciños para animalos a sumarse á concentración convocada para o vindeiro día 16 en favor dos postos de traballo da factoría de Alcoa en San Cibrao. 

Na misiva manifesta a súa preocupación como veciño e mariñán pola situación da industria do aluminio na zona. Engade que o peche das fábricas de A Coruña e Avilés foi un paso adiante dado pola empresa sen precedentes que puxo a todos en alerta.

Ademais, a baixada da produción da fábrica, aduce, co peche das cubas de electrólises, é unha noticia certamente moi negativa e parece difícil, engade, que, dado este paso, a central as volva poñer en funcionamento.

O prezo da luz sempre foi o cabalo de batalla para que a industria do aluminio puidese producir na comarca, sinala o alcalde, sendo o principal motor económico e laboral da zona.

Ata o de agora o Estado sempre fixo o necesario para garantir a súa viabilidade e que o custe da electricidade se mantivese a niveis competitivos en relación ao resto de Europa, matiza.

Pero apostilla que a día de hoxe o prezo da enerxía en España dobra ao de países como Alemaña ou Francia. E nesta situación xa se está desde mediados do ano 2018, sen que chegue esa solución, matiza.

Nesta circunstancia resulta vital visibilizar o problema, sinala o alcalde. E para que escoiten en Madrid hai que berrar todos xuntos, engade. Isto non é unha batalla política. Trátase de defender con todas as armas o emprego e o presente e o futuro da Mariña, que está en xogo.

A empresa do aluminio non só xera 1.100 postos de traballo directos e 700 indirectos, tamén lle fai medrar a outros moitos sectores empresariais, comerciais e de restauración. E tampouco hai que esquecer, segundo afirma o alcalde, todos os servizos veciñais que se poden levar adiante nun municipio como Cervo, cos ingresos que proceden de ter a empresa na zona, coma por exemplo a educación e a sanidade. Pensar en que a empresa non estea, matiza, é pensar en que moitos destes servizos dos que se beneficia o concello, desaparecerían. 

Retrotráese ao ano 2012, cando toda a comarca se mobilizou en bloque. Todos ao unísono reclamáronlle naquel entón ao Estado un prezo da luz competitivo e agora a situación asegura que é moito máis grave, evidenciada polos acontecementos de A Coruña e Avilés e pola baixada da produción de Alcoa San Ciprián. 

Se falta a empresa do aluminio, di, falta o principal impulso económico da Mariña, que dá pan a tantísimas familias, directa e indirectamente.  

Por iso pide remar todos xuntos e sumar á xente ás concentracións promovidas polo Comité de Empresa de Alcoa, primeiramente nos diferentes concellos da Mariña, reiterando o discurso dese ano 2012, con independencia das cores políticas e sen consignas; porque o único importante é protexer o emprego, aduce. Ese é o  único obxectivo polo ben de toda A Mariña, matiza.

O alcalde anima a acodir o vindeiro mércores, 16 de outubro, ás 20.30 horas na Praza dos Campos de San Ciprián, para berrar ao unísono para que o Goberno do Estado dea xa esa solución que garanta o emprego e a permanencia da empresa do alumnio na zona.

0.14929413795471