O alcalde de Friol esixe á Deputación a reparación inmediata da estrada entre Narla e Lamas

LugoXa | TerraChaXa
O Concello trasladou formalmente estas deficiencias, acompañadas dunha memoria xustificativa e documentación fotográfica
estrada-narla-lamas-en-friol
24 Nov 2026

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, esixe á presidenta da Deputación Provincial de Lugo que ordene a reparación inmediata das deficiencias detectadas na estrada provincial LU-P-2106, entre as parroquias de Narla e Lamas, e que se depuren as responsabilidades que correspondan pola execución e o resultado dunha obra cun investimento aproximado de 275.000 euros.

O rexedor cualifica de «absolutamente inaceptable» que, despois de destinar unha cantidade tan importante de diñeiro público a mellorar esta vía, os veciños teñan que seguir soportando unha infraestrutura que presenta importantes deficiencias e que pode xerar situacións de perigo para os usuarios.

Entre os problemas detectados figuran a presenza de abundante árido solto sobre o firme, as acumulacións de auga na calzada, as irregularidades e diferenzas no acabado superficial, así como cuestións relativas á anchura útil da vía e ao paso sobre a ponte. O Concello trasladou formalmente estas deficiencias á Deputación, acompañadas dunha memoria xustificativa e documentación fotográfica.

"Estamos falando de 275.000 euros de diñeiro público. Non podemos permitir que ese investimento acabe nunha actuación cun resultado como o que presenta esta estrada. Os veciños non merecen unha obra mal rematada nin teñen por que asumir os riscos e as consecuencias dunha execución que presenta estas deficiencias", manifesta José Ángel Santos.

O alcalde considera que a Deputación, como titular da estrada e administración responsable da actuación, non pode mirar para outro lado nin limitarse a dar por rematados os traballos. Por iso, reclama unha reparación inmediata de todas as deficiencias que afectan ás condicións de seguridade e circulación, unha inspección técnica urxente coa participación do Concello de Friol e unha revisión da execución da obra, dos materiais empregados, da compactación do firme, da drenaxe e do cumprimento do proxecto aprobado.

Así mesmo, pide que se depuren as responsabilidades correspondentes se se confirman deficiencias na execución, dirección ou control dos traballos, e que se estableza un compromiso e un calendario de actuación para acometer as reparacións sen máis demoras.

"Quero ser moi claro coa presidenta da Deputación: Friol non vai conformarse cunha inspección, cun informe ou cunha explicación administrativa. O que esiximos son solucións. Queremos que se arranxe a estrada, que se garanta a seguridade dos usuarios e que se aclare como é posible que unha actuación de 275.000 euros, executada hai pouco máis dun mes, presente este resultado", afirma o alcalde.

Santos subliña que os recursos públicos deben empregarse con rigor, responsabilidade e eficacia, e que, cando unha obra presenta deficiencias desta natureza, é necesario investigar o sucedido e esixir as responsabilidades que correspondan.

"Os veciños de Narla e Lamas pagan os seus impostos como todos os demais e teñen exactamente o mesmo dereito a contar cunhas estradas dignas e seguras. Non imos aceptar que se malgasten os recursos públicos nin que os veciños teñan que asumir as consecuencias dunha obra que non ofrece as condicións que debería", engade.

A Alcaldía anuncia que manterá esta reclamación ante a Deputación ata conseguir a reparación efectiva da vía e unha resposta satisfactoria ás cuestións formuladas.

O rexedor tamén esixe explicacións sobre o destino do investimento, ao considerar que o resultado dos traballos fai cuestionar se se executou a totalidade do proxecto previsto. "Non fai falta ser técnico para ver que nesta estrada non foi investida a totalidade do importe do proxecto. Queremos que se repare a estrada, que se garanta a seguridade dos veciños e que se asuman as responsabilidades que correspondan. 275.000 euros de diñeiro público merecen un resultado á altura do que pagan os cidadáns", conclúe.

0.15751099586487