O alcalde de Muras di estar “tranquilo” ante a investigación xudicial e ve na denuncia do PP "unha cortina de fume"

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, asegurou estar “tranquilo” ante a investigación aberta polo Xulgado de Vilalba tras admitir a trámite a denuncia presentada polo PP por un presunto delito de prevaricación administrativa. O rexedor nacionalista afirma que “non hai nada que esconder” na xestión municipal e que esa é “a sensación que che dá ter a conciencia tranquila”.
A investigación xudicial, céntrase nos pagos realizados polo Concello a dous despachos de avogados vinculados ao BNG entre 2015 e 2026. A denuncia do PP sostén que se terían superado os límites establecidos para os contratos menores e cifra en 387.805 euros os pagos realizados. O xulgado solicitou ao Concello documentación sobre os contratos, facturas e informes de Intervención relacionados con estes despachos. Polo momento, non hai persoas investigadas formalmente na causa.
Requeijo considera que todo o asunto responde a unha “cortina de fume” do Partido Popular pola política enerxética que segue o Concello de Muras, que, segundo explica, os populares non comparten. Neste sentido, defende o modelo municipal baseado en asumir o pagamento da luz dos veciños e en obter recursos das negociacións coas empresas enerxéticas.
“Nós pagamos a luz a todos os veciños e sacamos réditos das negociacións coas empresas enerxéticas, algo que eles non son capaces de facer e con isto queren tapar a súa mala xestión”, sostén o alcalde.
O rexedor afirma ademais que Muras se converteu nun concello de referencia na xestión enerxética e considera que esta situación “presenta un problema moi grande para o Partido Popular”, ao manter, segundo a súa interpretación, "unha filosofía diferente" sobre este ámbito.
A denuncia do PP foi admitida a trámite polo Tribunal de Instancia de Vilalba, que iniciou dilixencias para determinar a natureza e circunstancias dos feitos denunciados. A formación popular sostén que os pagos superarían os límites dos contratos menores e que existiron reparos da Intervención municipal. Estas cuestións serán obxecto da investigación xudicial. Pola súa banda, o alcalde manifestou a intención de colaborar coa xustiza "en todo o que faga falta".
Pola súa banda, a portavoz do PP de Muras, Eugenia Requeijo, asegurou que confía no traballo da Xustiza e defendeu a necesidade de aclarar os pagamentos realizados polo Concello. Tamén acusa ao alcalde de seguir "levantando" os reparos e tendo una facturación por riba do límite legal "eludindo os controis propios da contratación pública e a libre concorrencia".
“É un gasto altísimo para un concello coma o noso que ten outras necesidades que non parecen ser unha prioridade para este alcalde”, di Requeijo, quen cre que se están desviando fondos dos veciños "para empesas amigas do BNG".