O alcalde de Muras reafirma o seu compromiso cos alumnos no conflito coa ANPA

TerraChaXa
Deféndese das acusacións da asociación ante a Valedora do Pobo
obras-colexio-muras
Colexio Muras
20 Aug 2024

O alcalde de Muras, Manuel Requeijo, reafirmou o compromiso do seu goberno e do BNG cos estudantes de Muras, e coa ANPA, máis non entende as declaracións públicas desta sobre un expediente de auditoría dos convenios, "nos que queda en entredito a xestión das axudas na entidade". O alcalde non quere pensar que se estea a facer un uso partidista da asociación de nais e pais dos alumnos, "porque os intereses do alumnado debe estar por enriba de calquera outra cuestión". Fai estas declaracións despois de que a ANPA acusase ao Concello ante a Valedora do Pobo.

O equipo de goberno manifestou que “en abril deste ano, dende a secretaría-intervención realizouse unha auditoría dos convenios dos últimos anos asinados coa ANPA, de oficio e de acordo coas funcións de control que eles teñen encomendado, e de acordo co establecido na normativa de subvencións” e despois de solicitarlle os rexistros contables, e a documentación acreditativa, o informe conclúe que “existen discrepancias entre a documentación presentada como conta xustificativa do convenio asinado co Concello de Muras e a declaración xurada presentada pola presidenta da entidade no que acredita que non existen ingreso nin públicos nin privados para a mesma actividade”.

Á vista do informe, Requeijo indica que a entidade obtivo ingresos para financiar as actividades subvencionadas polo Concello, e non se declararon, nin ao principio da solicitude, nin na xustificación da mesma, polo que, segundo o informe "pode que se falsearan ou ocultaran as cantidades percibidas, o que puidera implicar o reintegro da subvención".

Requeijo declarou que “este informe o ten a ANPA, e o que corresponde agora non é resolvelo xa como eles piden, senón abrir un expediente de reintegro da subvención, no que a entidade terá que asumir o que está no informe, ou alegar o que consideren oportuno, e despois diso, resolverase e poderanse facer os recursos que consideren”. O rexedor considera que “estes expedientes son regrados, nos que non hai interferencias políticas, e cada quen ten que asumir o seu papel. Se na ANPA non fixeron as cousas ben, segundo o que pon no informe, pois terán que asumir as consecuencias, pero non porque o diga eu, senón porque así o di a norma”.

Por último, Requeijo sinalou que “as axudas ás entidades tumbounas a oposición no pleno, polo que polo de pronto non hai subvencións para ninguén. Como é posible que me esixan dar unha axuda, os mesmos que impiden que se aproben estas nos plenos? non quero pensar que se estea a realizar un uso partidista de entidades como a ANPA”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17374110221863