O alumnado do IES da Terra Chá aprende a improvisar regueifas para reflexionar sobre os 50 anos de España en liberdade

TerraChaXa
A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, agradeceu a disposición do centro educativo para participar na proposta
alumnado-ies-terra-cha
23 Oct 2026

O IES da Terra Chá, en Castro de Rei, acolleu este venres o segundo obradoiro de regueifas impulsado pola Subdelegación do Goberno en Lugo e o Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en liberdade. A actividade, dirixida ao alumnado de 2º da ESO, utiliza a poesía oral improvisada para reflexionar sobre a evolución da sociedade nas últimas cinco décadas e achegar a mocidade a esta tradición da cultura galega.

O obradoiro foi impartido pola filóloga e regueifeira Alba María Rodríguez, que traballou co alumnado a improvisación en verso como ferramenta para desenvolver a expresión oral, coñecer recursos retóricos e comprender a importancia das linguas cooficiais.

A iniciativa busca dar a coñecer o fenómeno da poesía oral improvisada, fomentar as habilidades discursivas para afrontar situacións cotiás desde a igualdade e os valores democráticos, espertar vocacións artísticas e implicar os estudantes na conservación do patrimonio cultural. A través das regueifas, o alumnado pode mellorar a súa dicción e oratoria ao tempo que expresa ideas e argumentos de maneira creativa.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, agradeceu a disposición do centro educativo para participar na proposta e destacou "a importancia de que as nenas e os nenos coñezan as nosas tradicións e manteñan o seu espírito de loita pola defensa dos nosos dereitos".

O obradoiro celebrado en Castro de Rei dá continuidade a esta iniciativa, que xa pasou polo IES Val do Asma, en Chantada, e que chegará tamén ao alumnado do IES de Foz. A proposta enmárcase nas actividades promovidas para conmemorar os 50 anos de España en liberdade, combinando a reflexión sobre a evolución democrática coa difusión da regueifa como expresión do patrimonio cultural galego.

0.095868110656738