O alumnado do IES Pedregal de Irimia leva a música á Praza do Concello de Meira con ‘Pianos na rúa’

A Praza do Concello de Meira converteuse nun escenario musical ao aire libre coa participación do alumnado de 4º da ESO e 1º de Bacharelato do IES Pedregal de Irimia na iniciativa ‘Pianos na rúa’, unha proposta que achega a música á cidadanía e permite a calquera persoa tocar libremente un piano de cola nun espazo público.
A actividade celebrouse o mércores 14 de outubro, entre as 10.00 e as 20.00 horas, e encheu de música a praza meirense. Durante toda a xornada, o instrumento estivo á disposición de músicos profesionais, estudantes e persoas afeccionadas que quixeron sentar diante do teclado, interpretar algunha peza ou simplemente gozar das actuacións.
O alumnado e o profesorado do centro educativo participaron na proposta e puxeron a proba as súas habilidades musicais diante do piano. As interpretacións, con diferentes niveis de experiencia, estiveron acompañadas de ganas, entusiasmo e sentido do humor, nunha actividade aberta a todas as idades e sen necesidade de contar con coñecementos musicais previos.
A iniciativa está impulsada pola Fundación Ricardo Delgado Vizcaíno, con motivo do seu 30º aniversario, en colaboración con Naturleite, a Asociación Maria Canals de Barcelona e os concellos participantes. O seu obxectivo é achegar a música aos espazos públicos e convertelos en lugares de encontro cultural.
Meira foi unha das localidades galegas participantes nesta edición especial, xunto coa cidade de Lugo, onde se instalaron outros dous pianos, na Praza Maior e na Praza de Santo Domingo. En total, Galicia contou con tres instrumentos durante esta xornada, pensada para que a música saíse das salas de concertos e chegase directamente á rúa.
‘Pianos na rúa’ forma parte da programación cultural conmemorativa da Fundación, que xa desenvolvera na primavera unha edición en Córdoba e en distintos municipios das comarcas de Los Pedroches e o Guadiato.