O anel da avoa

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
A psicoloxía da man de Noelia Yáñez que nos leva á interiorización do ser humano, os seus sentimentos e todo o que o rodea.
Noelia castro
11 sep 2023

Noelia Castro Yáñez

Catro fillas. Catro, unha diante doutra, así ata chegar á cuarta, con dezaoito anos de diferenza entre a máis vella e a miña nai. Os meus avós adicáronse na maior parte da súa vida ao sector primario, isto é o conxunto de actividades económicas que obteñen materias primas do medio natural, gandeiría e agricultura, a pequena escala, nada extensivo. Por mor da familia numerosa entendemos que parte da explotación era para o autoconsumo.

Nunha aldea do monte, preto de Chavín, por iso os seus carnés din que son nadas en Viveiro, malia que de rapazas se mudasen á Rigueira, a miña aldea. Matizo isto porque sempre foi motivo de liorta, elas disque son de Viveiro, porque hai un documento identificativo que así o acredita. Engado eu, porque nunca quixeron ser de Penas Agudas. Por todos nós son coñecidas estas rivalidades coas vilas veciñas, pois isto vén a ser coma o derbi das praias. Contextualizo porque me parece moi fermoso afondar nas raíces, cómpre entender de onde vimos, e como dita un letreiro no muro do Instituto de San Ciprián: “Para que non se tupan os oídos a medida que se ascende ao máis alto”.

Catro fillas, porén a avoa non fixo outra cousa que alindar ovellas ata criar fillas. Unha detrás doutra, ata que unhas axudaron a criar das outras. Ata casar e marchar, daquela volvía sela avoa para todas. Catro fillas buscando o varón que o avó non soubo facer. “Otra niña!” lle berrou polo teléfono unha monxa que atendía no hospital en Lugo ás embarazadas, a un case que desilusionado meu avó da outra liña do teléfono, porque ás cousas hai que chamalas polo seu nome. Cando non podía máis, acostumaba a escoitarse a Libardo dicir para os seus adentros: “Bendito tú eres entre todas las mujeres”. O certo é que tivo moita sorte e Anisia non se equivocaba cando dicía que as fillas lle saíran boas, pero os xenros non eran peores. Que se era pacifista? A que máis. Trouxo o nome de Cuba, Anisia, coma Anisia Miranda, a muller de Xosé Neira Vilas. Casualmente, tamén houbo outra Anisia moi importante na familia paterna, a favorita de papá, porque coido que todos temos unha tía favorita.

Malia que eu as amole dicíndollo cada día a unha, vantaxes de ter tres, que sempre teño quen me escoite, ou quen me riña, tamén é certo. A avoa trouxo o nome e mais unha cadea de ouro, de malla cubana, que agora levo eu cunha medalla da Virxe do Carme que reza Anisia Lopez, o pauiño da zeta parece gravado á man, teimas da avoa, ben seguro foi ela a que ou o fixo ou o ordeou facer. Os xoieiros acostuman a preguntarme pola malla tan peculiar que porto, e a min máis que a cadea o que me pesa só é o seu recordo.

A avoa non tiña xoias, e o avó tampouco era dado a galanos. Mesmo cando xa tiña unha idade, metíanos cartos no peto aos netos, pero nunca del saíu mercar un agasallo. Houbo unha excepción, mercoulle á avoa un anel de Sargadelos, pero a avoa non sacaba as mans de clarear a roupa do lavadoiro, e fíxolle ir á xoiería de Galdo para que convertesen o anel nun broche, encaixado na lapela da americana que levaba cando quería ir especialmente ben vestida. O broche quedou para a miña nai cando a avoa faltou, porque a coidou a ela de vella do mesmo xeito que fixera con ela de nena.

Di unha das miñas tías que fame non pasaron nunca, pero que sempre pasaron gana de moitas cousas. Anisia acostumaba a dar un bico ao pan antes de tiralo, dubido moito que pola compoñente relixiosa, pero si porque durante a súa vida adulta tivo que quitarlle o balorecido moitas veces para ter con que facerlle bocadillos ás catro fillas. Imaxinade entón o especial que era aquel broche para a avoa. Eu pedinllo á miña nai, e case que por respecto, gardeino con tino ata que o vin convertido de novo en anel como agasallo polo meu vintenove cumpreanos, sen eu saber nada, a xoia máis fermosa que vou a ter xamais chegou en mans da miña persoa favorita.

0.18501782417297