O antigo Cine Man recibirá 120.000 euros para completar a súa transformación en centro cultural

LugoXa | TerraChaXa
A Xunta financiará o equipamento do emblemático edificio de Rábade, que conservará a súa configuración orixinal e aspira a converterse nun referente cultural da comarca
cine-man-rabade
4 Aug 2026

A Xunta de Galicia destinará 120.000 euros ao equipamento do antigo Cine Man de Rábade para culminar a súa transformación en centro cultural. O Consello da Xunta autorizou o convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e o Concello, que permitirá dotar o inmoble do mobiliario e dos recursos técnicos necesarios para a súa posta en funcionamento.

O investimento distribuirase en dúas anualidades e servirá para adquirir cadeiras, butacas, bancos de atril, un proxector, unha pantalla, un sistema de son profesional e diverso material audiovisual. Ademais, incluiranse elementos de seguridade, como unha varanda de vidro na bancada, así como diferentes accesorios para o escenario. A previsión é completar a dotación do espazo ao longo de 2027.

O obxectivo é converter este edificio histórico nun centro sociocultural de referencia, preparado para acoller proxeccións cinematográficas, representacións escénicas, conferencias, exposicións e actividades impulsadas tanto polo Concello como por asociacións culturais, centros educativos e outras entidades.

O antigo Cine Man, inaugurado en 1945, é un dos poucos cines rurais galegos da posguerra que conserva boa parte da súa configuración orixinal, mantendo elementos característicos como o escenario e a volumetría interior da sala, desaparecidos en moitos edificios similares tras seren transformados ou derrubados.

O Concello adquiriu no seu día o inmoble para evitar a súa desaparición e impulsar a súa recuperación como espazo cultural. O edificio tamén destaca pola súa singular arquitectura, inspirada nos teatros franceses e alemáns do século XX, unha tipoloxía pouco habitual no medio rural galego da época.

Con este convenio, a Xunta dá un novo impulso á recuperación dun dos edificios máis emblemáticos de Rábade, chamado a converterse nun novo punto de encontro para a actividade cultural e social da comarca.

0.13553881645203