O ascensor do colexio Gregorio Sanz de Ribadeo xa foi dado de alta e está a funcionar

TerraChaXa | AMariñaXa
O ascensor do colexio Gregorio Sanz de Ribadeo xa foi dado de alta e está a funcionar
Dz2P44VWsAA4EBQ
30 Nov 2020

O ascensor do colexio Gregorio Sanz xa foi dado de alta e está a funcionar, segundo din dende o Concello. O rexedor asegura que o Concello actuou coa celeridade administrativa máxima e con absoluta dilixencia, a pesar de que a Xunta iniciou as obras sen contar coa correspondente licenza e de que cambiou varias veces o investimento a realizar. Suárez Barcia recoméndalle á Consellería de Educación que revise todo o expediente, á vez que se congratula do investimento anunciado pola administración galega nese centro de ensino, xa que será a primeira vez en corenta e cinco anos que se acometan obras de envergadura e lémbralles que presenten o proxecto e que pidan licenza, como é preceptivo en todos os Concellos.

O alcalde ribadense manifestou que “despois dunha desagradable situación de falta sobre todo de coordinación entre administracións, así como dunha inxerencia e manipulación política que abochornaría a calquera, hoxe podemos dicir que o ascensor que se instalou hai un tempo no CEIP Gregorio Sanz está xa de alta. Agora que por fin está funcionando, gustaríame facer unha serie de aclaracións que non fixen en todo este proceso. En todo este tempo, o Concello mantivo unha disposición absoluta de colaboración leal así como de impulso e de celeridade administrativa máxima, unha vez que tivemos coñecemento formal das obras feitas. O certo é que desde que fixemos a advertencia de que esas obras foran feitas sen a licenza municipal preceptiva, hai un tempo, foron varias as circunstancias inéditas que se deron. Por parte da Xunta aportáronse documentacións contraditorias, diferentes presupostos con cifras escandalosamente diferentes e tiveron que motivar e documentar as obras feitas a posteriori, etc…”.

O rexedor dixo: “hai que lembrar que todos os Concellos, non só o de Ribadeo, só temos a obriga de mantemento e conservación nestes centros de Primaria polo que non facemos actuacións de infraestruturas, pero loxicamente os Concellos si temos a competencia para outorgar as licencias de obra de calquera infraestrutura que se faga no noso termo municipal, xa sexa dun particular ou dunha administración pública como é o caso. Neste caso actuamos de maneira absolutamente dilixente e con celeridade, coa única misión de garantir a seguridade e a legalidade desta obra. Finalmente, tal e como se nos requiriu desde a Xunta e, logo de pedir orzamentos a varias empresas cualificadas para tal fin, démolo de alta e farémonos cargo do seu mantemento mensual. Ademais disto, quero recordar tamén que desde o Concello tivemos que actuar coa Xunta como con calquera outro particular que fai obras sen licenza, de aí que tivésemos que incoar un expediente sancionador que rematou coa proposta de sanción que se eleva a máis de 600 euros”.

Fernando Suárez engadiu que “tamén quixera facer dúas apreciacións que lle quero indicar á Consellería de Educación para agora e para o futuro. Para agora é que as autoridades competentes en Educación de Lugo, ou incluso quizais os seus responsables superiores, deberían revisar todo este expediente con maior detemento, pois chaman moito a atención as diferentes cifras que se nos foron comunicando sobre o custo real do ascensor, non vaia ser o demo que as cifras citadas non se correspondan co que realmente se ten indicado por escrito. Por outra banda, para o futuro máis inmediato, vemos con satisfacción que se acaba de anunciar que para o 2021 a Xunta vai facer unha inversión de medio millón de euros, por parte de Educación, neste centro. A verdade é que nos alegramos porque por fin, despois de corenta e cinco anos de funcionamento deste centro, vai ser a primeira vez que a Xunta acometa obras de envergadura, desde logo que era sen tempo xa. Pero o que si agardemos que desta volta fagan o que calquera cidadá particular fai, que é presentar o proxecto e pedir licenza antes de iniciar as obras co fin de evitar problemas a terceiros polo mal funcionamento das administracións, como foi neste caso do ascensor”.

0.16669487953186