O asunto do independentismo catalán
España está a vivir nestes últimos meses unha enorme crise nacional por mor do independentismo catalán. Esta crise tivo o seu máximo expoñente o pasado 1 de outubro, cando a Generalitat de Catalunya convocou un referéndum para determinar o número de cataláns que estarían a favor dunha república catalá independente de España. Ante esta situación, a actuación do Goberno español de Mariano Rajoy foi lamentable, encargándolles ás forzas de seguridade que impedisen o referéndum por riba de todo, mesmo por riba das persoas.
O referéndum finalmente celebrar celebrouse, o que sen dúbida constitúe un triunfo da democracia, pero tivo un custo demasiado alto: 893 feridos. E isto é imperdoable. Que a Policía Nacional e a Garda Civil golpeen á xente que está exercendo o seu dereito ao voto é a cousa máis vergoñenta, ilegal e retrógrada que coñeceu España desde os tempos de Franco. Nada xustifica este tipo de violencia. Afortunadamente, non todas as forzas de seguridade entraron na espiral de brutalidade e deshumanización imposta polo Goberno. Os Mossos d’Esquadra, con Josep Lluís Trapero á cabeza, negáronse a seguir as ordes do Ministerio do Interior. Neste artigo quixera expresar a miña admiración polos Mossos que antepuxeron as persoas ás obrigas profesionais.
A xustificación que deu o Goberno de Mariano Rajoy para a avalancha de paus foi que había que protexer a “legalidade”. Non obstante, parece que ao Executivo se lle esqueceu que o legal nunha democracia son as votacións, que ademais son un piar fundamental, e que pegar é ilegal. Polo tanto, intentaron protexer a “legalidade” coa ilegalidade máis absoluta, o que é unha aberración mire por onde se mire. É certo que tampouco é loable a maneira de proceder do daquela presidente da Generalitat, Carles Puigdemont, xa que, se ben toda nación ten dereito á autodeterminación e a convocar eleccións, tamén hai que asegurarse de que isto non traia prexuízos importantes para o pobo. E no caso de Cataluña tróuxoos, e moitos: concretamente 893.
Por outra banda, por que ten Cataluña tanto interese na independencia? Os motivos, como case todo nesta vida, son económicos. E é que a Comunidade catalá é, xunto con Madrid, a que máis aporta ao PIB (produto interior bruto), cunha achega do 18,9% do total. Cataluña é algo así como a capital económica de España, e o Goberno catalán non quere compartir a súa riqueza e os seus recursos co resto do territorio. Talvez soe egoísta. Pero moito máis egoísta foi o xeito de obrar do Goberno español, que aniquilou a democracia a golpe de porra. Existen, por suposto, outros motivos para declarar a independencia, como é a existencia dun idioma propio e a conciencia colectiva de “nación catalá”, aspectos que xa reivindicaba o primeiro partido independentista de Cataluña, fundado por Francesc Macià en 1922. Porén, o tema económico é o primordial.
A día de hoxe, o asunto do independentismo está aínda sen resolver. Puigdemont proclamou a “República Catalana” o 10 de outubro, e acabouna suspendendo pouco despois. O 27 de outubro a Generalitat volve declarar a República. Foi entón cando o Goberno central se apoiou nese famoso “Artigo 155” para disolver o Parlamento de Cataluña e cesar a Puigdemont. Agora, están convocadas eleccións autonómicas o 21 de decembro para constituír un novo goberno rexional. Hai liorta para rato.
Para concluír, Cataluña non pasa por un dos seus mellores momentos a nivel político; España tampouco. Zoscar para supostamente protexer a “legalidade” é unha desas barbaridades que retrotraen España 80 anos atrás. Desde aquí, quero deixar constancia da miña total solidariedade coas vítimas.
Lucía Otero Gato