O Auditorio Cine Alovi acollerá un concerto de dixieland da St. James Dixie Band este xoves nas Pontes

O Auditorio Municipal Cine Alovi das Pontes de García Rodríguez será escenario este xoves, 16 de abril, ás 19:00 horas, dun concerto de música dixieland a cargo da St. James Dixie Band, dentro da programación cultural impulsada polo Conservatorio Profesional de Música das Pontes.
A formación está liderada por Óscar Prieto, profesor do propio conservatorio, e ofrecerá un espectáculo marcado polo ritmo, a improvisación e a enerxía características deste estilo musical nacido en Nova Orleans. A proposta está pensada para todos os públicos, co obxectivo de achegar ao público local os sons máis clásicos do jazz tradicional.
A actuación enmárcase no programa Dinamiz-ARTj, unha iniciativa promovida polo Instituto para a Transición Xusta a través da Fundación Ciudad de la Energía (CIUDEN), que busca dinamizar a oferta cultural nos municipios afectados polos procesos de peche de instalacións industriais en zonas de transición xusta.
Este programa pretende contribuír á difusión e promoción das artes escénicas mediante a organización de actuacións e actividades culturais protagonizadas por artistas españois ou residentes en España.
A entrada ao concerto será libre ata completar o aforo, polo que se agarda unha boa resposta do público nunha cita que combina música en directo e promoción cultural no municipio.