O Beach Rugby Vila das Pontes organizará un foro sobre sustentabilidade, deporte e empresa o 31 de xullo

TerraChaXa
O encontro desenvolverase a partir das 11.00 horas na carpa do Beach Rugby, situada xunto ao lago das Pontes, con entrada libre
foro-rugbyaspontes
25 Jul 2026

O Beach Rugby Vila das Pontes celebrará o vindeiro 31 de xullo o I Foro de Sustentabilidade, Deporte & Empresa, unha iniciativa que reunirá representantes das administracións públicas, empresas e entidades para analizar o papel do deporte como motor de desenvolvemento social, económico e sustentable. O encontro desenvolverase a partir das 11.00 horas na carpa do Beach Rugby, situada xunto ao lago das Pontes, con entrada libre.

A xornada comezará co saúdo inaugural do subdelegado do Goberno en Galicia, Julio Abalde. A continuación, o experto en sustentabilidade e innovación social da Universidade da Coruña, Ángel Prieto, será o encargado de presentar o evento e moderar a mesa de debate prevista para o remate das intervencións.

O programa contará coa participación de representantes de ALVAC, Intacta Xestión Ambiental, o Instituto para a Transición Xusta (ITJ), Reganosa e ENCE, que compartirán experiencias e iniciativas vinculadas á sustentabilidade, a innovación social, a diversidade e a transición enerxética. Entre os relatorios previstos intervirán Ignacio Lazcano, responsable da Zona Norte de ALVAC SA Obras y Servicios; Héctor Dopico, director de Operacións de Intacta Xestión Ambiental; Nuria Álvarez, responsable territorial do ITJ en Galicia; Andrea Míguez, responsable de transición enerxética de Reganosa; e Silvia Cortiñas, responsable de medio ambiente en ENCE Celulosa.

Ás 12.30 horas celebrarase unha mesa de debate aberta ao público baixo o título A importancia da sustentabilidade nas pequenas vilas para crear e facer medrar unha sociedade con identidade, moderada por Ángel Prieto.

A programación concluirá ás 13.30 horas cun espazo de networking acompañado dun servizo de catering, organizado por ALVAC, que terá lugar nas instalacións do Beach Club Networking, situadas no terreo de xogo do Beach Rugby Vila das Pontes, fronte á carpa principal. O foro enmárcase na sexta edición do Beach Rugby Vila das Pontes e busca fomentar o diálogo entre institucións, tecido empresarial e sociedade arredor dos retos da sustentabilidade e do desenvolvemento territorial.

0.12100410461426